Catro persoas quedaron feridas nun accidente de tráfico na A-52 en Trasmiras
• Dúas mulleres están graves no hospital de Ourense
Na furgoneta viaxaba unha familia de Verín que se dedica á venda ambulante. Estiveran traballando na feira de Melide e volvían á casa pola A-52 cando, preto das cinco da tarde, á altura de Trasmiras, segundo o nervioso relato do condutor, rebentoulle unha roda e non puido controlar o vehículo.
Saíu da autovía pola marxe dereita e acabou envorcado. El mais seu irmán puideron botarse fóra polo propio pé con feridas leves. A peor parte levárona a nai, de 60 anos, e a irmá, de 34. Foi necesaria a intervención dos bombeiros de Xinzo e de numerosos profesionais do servizo de urxencias sanitarias para estabilizalas. Unha hora despois eran trasladadas ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense feridas de gravidade.
Coa densidade de tráfico neste domingo de agosto formáronse pequenas retencións.
A Garda Civil investiga as circunstancias do accidente, mentres familiares que se achegaban ao lugar tentaban recuperar os artigos que venden nas feiras e que quedaron espallados polo noiro tras o sinistro.