Catro mortos en menos de dúas semanas en accidentes de tractor en Galicia
Seis persoas morreron en menos dun mes en Galicia en accidentes de tractor, catro delas nas últimas dúas semanas. Este luns era un home en Santa Comba e o xoves á noitiña outro home en Vilaboa.
En case todos os casos, a vítima é unha persoa de avanzada idade que queda atrapada pola máquina tras un envorcamento, tal e como confirma o persoal dos servizos de emerxencias que acode aos sinistros.
Ademais, o profesor do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo Vicente Manso, que ademais é técnico en prevención de riscos, explica que a maior parte dos accidentes con resultado mortal prodúcense cando as máquinas non teñen medidas básicas como a cabina, que proporciona unha protección envolvente ao condutor.
Os expertos en seguridade advirten de que aínda hai moitas máquinas agrícolas en uso que carecen de cabina e da seguridade básica. Por iso lembran a obrigatoriedade de ter ao día as revisións do vehículo e recomendan que eviten conducilo persoas de avanzada idade.