Catro mil oficinas bancarias desaparecerán este ano e aumenta a exclusión financeira no rural e na terceira idade
A crise laboral na banca está a ter un impacto profundo nos últimos meses. As cifras son abafantes. A fusión de Caixabank e Bankia destrúe 8.900 postos de traballo, uns 3.500 o Banco de Santander, o BBVA máis de 2.700, segundo a última revisión do ERE, e a fusión Unicaja-Liberbank uns 1.800. Suma e segue. É unha tendencia que parece non ter contención e serán máis de catro mil as oficinas que boten o peche este ano.
"Do ano 2008 para aquí xa se perderon cen mil postos de traballo, co cal estamos falando daquilo que ten que ver coas fusións: cada vez menos entidades bancarias, cada vez menos empregados, cada vez menos oficinas; cando realmente temos que ter en conta o territorio", sinala Víctor Muñoz Meilán, presidente de FACUA Galicia-Consumidores en Acción
O fenómeno da desbancarización ten vítimas particularmente afectadas: os concellos pequenos que quedan sen oficinas e a xente maior con probemas de aprendizaxe no marco da cultura dixital."En 20 anos ao mellor xa non hai efectivo, en 20 anos ao mellor facemos todo co móbil ou cun reloxo, pero o que queremos dicir é que para esa xente que aínda non o sabe nin o vai saber, que non vai ser capaz neste tempo que queda de aprendelo, é necesario que haxa persoal nos bancos", explica Muñoz Meilán,
Existen alternativas para paliar a exclusión financeira que están en marcha: os cursos de formación en banca electrónica para a terceira idade e o banco-bus, que xa opera en varios municipios do rural. "O do banco-bus ou o que mesmo se está falando da cesión de espazos públicos en concellos para que se poidan poñer caixeiros, entendemos que aínda é necesario", indica o presidente de FACUA
O proceso de peche de ofciinas semella irreversible a teor da estatística. No ámbito da Unión Europea só Francia ten máis sucursais bancarias ca España por cada cen mil habitantes.