CRTVG

Buscar

Catro ilustradoras debuxan o Camiño do Norte seguindo arquitecturas contemporáneas

Publicado o 22/06/2019 17:38

Trátase dunha visión diferente dos camiños xacobeos, a través da convivencia creativa de catro ilustradoras. Reuniunas o encargo de trasladaren a debuxo e tintas a súa visión de referentes da arquitectura contemporánea de Bilbao, Santander, Avilés e Santiago; é dicir, o Camiño do Norte. Exponse na Galería compostelá de Sargadelos e é o resultado de mirar o mundo cos ollos da arte.

Dixo Pilar Barral:  "Hai que velo cunha óptica bastante humana. Mirar a xente e a natureza. Mirar e non correr. Pararse a observar".

Barral enfrontouse ao reto de reflectir, humana e creativamente, coas súas acuarelas, o Centro Botín, en Santander, obra de Renzo Piano e a máis recente das arquitecturas escollidas.

Na exposición e no libro inminente, atopamos tamén a visión que nos ofrece Amelia Palacios do Centro Niemeyer, a obra que o célebre arquitecto brasileiro do mesmo nome construíu en Avilés. Os trazos de Palacios conviven cos de Barral, mais sen competiren.


Dixo Amelia Palacios: "Cada unha representamos as cousas dunha maneira, e analizamos as cousas de maneira diferente, por iso fai unha exposición moi completa".

Tras colaboraren para o traballo, durante unha semana do mes pasado, ambas ilustradoras citáronse hoxe para continuaren o seu diálogo. Foi na sala da mostra, e ante as súas obras respectivas. Coa linguaxe que comparten: papel, lapis e acuarelas. E coas cámaras como testemuñas.





 

Noticias web

22/06/2019