Sete mortes elevan a 671 o total de falecidos pola covid−19 en Galicia
• Tres novos falecementos nas residencias de Outeiro de Rei e do Incio
• A área sanitaria de Lugo rexistra a maior suba de casos activos (+119)

O mércores á tarde faleceron tres persoas diagnosticadas con coronavirus en Galicia. Tres homes de 73, 87 e 81 anos que estaban ingresados no HULA, no CHUAC e no CHUO respectivamente.
Todos eles presentaban patoloxías previas, e o falecido no HULA estaba vinculado co gromo rexistrado na residencia do Incio, onde ascende a 18 o total de mortes por coronavirus.
Sete falecementos rexistrados hoxe
Con estes tres novos falecementos elévase a 671 o total de vítimas mortais por mor do virus en Galicia, sete delas notificadas durante a xornada de hoxe.
Pola mañá rexistráronse outros catro falecidos. Dous deles en centros hospitalarios: dous homes de 81 e 71 anos que estaban ingresados no CHUS e no HULA, respectivamente. Ambos presentaban patoloxías previas.
Sanidade tamén notificou esta mañá dous falecementos en centros residenciais durante a xornada de onte: unha muller de 89 anos na DomusVi Lugo, en Outeiro de Rei, e a outra de 96 na residencia do Incio.
Por outra banda, Galicia rexistra este mércores 4.364 casos activos, segundo os últimos datos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade. Isto supón 134 máis ca onte. Por outra banda, hai 331 contaxios novos.
ÚLTIMA HORA | Dous mortos nos hospitais galegos e dous nas residencias elevan a 668 o total de falecidos. Os casos activos dispáranse na área sanitaria de Lugo (+119) por mor dos positivos na residencia de Outeiro de Rei.
— G24 (@G24Noticias) September 9, 2020
Todos os detalles en https://t.co/50EIODjYor pic.twitter.com/NhwPr98ezk
O gromo en Outeiro dispara Lugo
O rexistro de 99 contaxios o martes no DomusVi Lugo en Outeiro de Rei fai aumentar sensiblemente os casos activos na área sanitaria de Lugo, que encabeza por moito o reconto de casos de hoxe.
Por áreas sanitarias, a distribución queda así:
• A Coruña: 1.424 (+11)
• Lugo: 920 (+119)
• Ourense: 462 (-5)
• Pontevedra: 379 (+8)
• Vigo: 344 (-2)
• Santiago: 659 (-3)
• Ferrol: 176 (+6)
No tocante a hospitalizacións, hai 25 persoas na UCI (+3), 181 en unidades de hospitalización (-6) e 4.158 en seguimento domiciliario. Dende o inicio da pandemia, curaron en Galicia 14.158 persoas e realizáronse 374.635 probas PCR.