CRTVG

Buscar

Catro detidos pola súa suposta implicación na violación múltiple de Xixón

Publicado o 24/07/2021 21:20

O presidente do Principado, Adrián Barbón, condenou a violación múltiple de Xixón e pediulle á sociedade asturiana que alce a voz contra o machismo. Este sábado a Policía detivo catro homes pola súa suposta implicación na agresión sexual en grupo a dúas mozas.

As vítimas, de 22 e 23 anos, denunciaron os feitos na comisaría. Declararon que, tras coñeceren un dos detidos nun pub, decidiron acompañalo ata o seu hotel. Polo camiño, sumouse un amigo do home e xa no cuarto, outros dous individuos. Os catro obrigáronas a manter relacións sexuais con todos eles.

"Eu quero solidarizarme con estas dúas mozas. Quero que saiban que como presidente do Principado de Asturias e no nome do pobo asturiano non imos calar. Hai que dicilo alto e claro: o machismo é unha ameaza para o conxunto da sociedade", asegurou o presidente asturiano.

"A aqueles que defenden o machismo ou que o negan, dígolles que negan o machismo, dígolles que isto é a proba viva do que significa o machismo na nosa sociedade", engadiu.

A Policía recolle probas e testemuños para tentar esclarecer as circunstancias desta violación múltiple. Os detidos, turistas estranxeiros de entre 20 e 30 anos, están á espera de pasar a disposición xudicial.

Noticias web

24/07/2021