CRTVG

Buscar

Catro comarcas de Aragón retroceden á fase 2 e a localidade murciana de Totana á fase 1

Publicado o 24/07/2020 08:26

A comarca central de Aragón, con Zaragoza capital, o Baixo Cinca, o Baixo Aragón-Caspe e Monegros, retrocede á fase dúas da desescalada sen ningún tipo de flexibilización debido ao incremento dos brotes por coronavirus, 422 na xornada do mércores, deles, 333 na provincia de Zaragoza.

Pola contra, seguirán en fase 2 flexibilizada as comarcas de La Litera e Cinca Medio, Huesca capital e a cidade de Barbastro.

As características destes casos, que suman xa 1.852 desde o venres día 17, é que a maioría son  asintomáticos, pero tamén implican un incremento leve pero sostido dos pacientes hospitalizados e de ingresos en UCI.

"Aínda que o sistema non está en risco, obríganos a adoptar decisións", explicou en conferencia de prensa a conselleira de Sanidade, Sira Repollés.

Por tanto, na fase 2 restrínxese o lecer nocturno e establécese un peche obrigatorio ás 12 da noite, ordénase o peche das asociacións, prohíbese o botellón e limítase a dez o número de persoas nas reunións públicas ou privadas á vez que se recomenda restrinxir a mobilidade. 


A localidade murciana de Totana volve á fase 1

En Cataluña os casos seguen disparándose, con case 2.000 novos en 24 horas. Lleida é a única comarca que conseguiu estabilizarse, e a Generalitat xa cualifica a situación de crítica.

Por outro lado Totana, na rexión de Murcia, convértese no primeiro concello en retroceder á fase 1 da desescalada, despois do brote detectado nun local de ocio nocturno, que suma xa 55 positivos.

En Navarra, a repunta de casos obrigou a retroceder á fase 2 o barrio pamplonés de Mendillorri, onde continúan as probas diagnósticas orientadas especialmente a 2.400 mozos da localidade.

A Comunidade Valenciana detectou 57 novos contaxios e confirmou tres novos brotes: dous deles en Alacante e tamén relacionados co ocio nocturno, que segue no punto de mira de todas as olladas.

Hai activos 281 brotes en España

Case mil novos contaxios nas últimas horas confirman que o descenso a principios desta semana foi un espellismo. A cifra bate unha nova marca desde a fin do estado de alarma. A metade dos positivos segue concentrada en Aragón e Cataluña. Hai espallados un total e 281 brotes por toda España, con máis de 3.200 afectados. En dúas semanas triplicouse a incidencia, e os expertos non deixan de insistir en que sen esforzo individual é complicado controlar a transmisión comunitaria.