CRTVG

Buscar

Catorce anos de internamento para o home que asfixiou a súa muller en xaneiro de 2017

Publicado o 18/07/2019 18:50
Catorce anos de internamento para o home que asfixiou a súa muller en xaneiro de 2017
A Audiencia Provincial de Ourense, de acordo co veredicto de culpabilidade do Tribunal do Xurado, absolveu un home que en xaneiro de 2017, no Carballiño, asfixiou a súa muller, coa que levaba casado 35 anos, tras discutir con ela porque non lle deixaba as chaves para saír da casa.
Deste xeito, a sala tivo en conta á hora de ditar a pena a eximente completa de alteración psíquica e ordenou o seu internamento nun centro psiquiátrico dependente da Administración Penal por un tempo máximo de catorce anos, do cal non podería saír sen autorización do tribunal.
A sentenza remítese á "gravidade e a violencia empregada" para ditar a condena de catorce anos. O xurado declarou acreditado que o sospeitoso se atopa "afectado por unha demencia cunha deterioración grande das funcións cerebrais superiores, con rixidez e falta de flexibilidade do pensamento e alteracións da conduta, as emocións e a afectividade, que provoca unha grave afectación das súas facultades de comprensión e de actuación".