Catoira recibe con viño e mexillóns os bárbaros da Romaría Vikinga
As torres de Oeste foron o escenario dunha batalla campal cando nos séculos IX e X os viquingos chegaron a Galicia con intención de saquear. A resistencia das tropas do Castellum Honesti impediu durante esa época o ascenso polo río dos exércitos normandos e dos piratas sarracenos.
Nesta fortaleza coñecida como a Chave e selo de Galicia, catoirenses e milleiros de persoas de todas partes do mundo seguen agardando a chegada dos bárbaros, pero hoxe o combate na beira do Ulla é con viño.
A Romaría Vikinga de Catoira é unha das celebracións máis coñecidas en Galicia, a tradición desta festa profana remóntase a 1960.
O drakkar torres de Oeste e o Frederikssund foron construídos por expertos artesáns catoirenses que viaxaron a Dinamarca para estudar os métodos viquingos de construción de barcos de ribeira. Un de tantos motivos para que a de Catoira mereza o título de Festa de Interese Turístico Nacional e Internacional.