CRTVG

Buscar

Cataluña volve pechar o ocio nocturno polo incremento dos contaxios

Publicado o 06/07/2021 14:07
Cataluña volve pechar o ocio nocturno polo incremento dos contaxios
EFE

A Generalitat volve pechar o ocio nocturno en interiores. A medida entrará en vigor a partir deste venres co obxectivo de frear o auxe de contaxios, especialmente entre os mozos. Ademais, o goberno catalán reclama ao Executivo central que a máscara volva a ser obrigatoria no exterior. Por outra banda, Castela e León propón ao Goberno recuperar o toque de queda de 1.00 a 6.00 da madrugada, tamén para ralentizar a transmisión do virus.

O Govern da Generalitat decretou o peche do lecer nocturno en espazos interiores a partir desta fin de semana e obrigará a que os participantes en eventos de máis de 500 persoas fagan tests de antíxenos, conten cunha PCR negativa ou coa pauta de vacinación completa, ante a escalada de contaxios en Cataluña.

Anunciouno este martes a voceira do executivo catalán Patrícia Plaja en conferenica de prensa tras a reunión do Consell Executiu.

"Non podemos facer coma se xa superásemos o virus. Os datos son malos e os contaxios crecen nun número exponencial moi superior ao que podemos permitir", sostivo Plaja, quen lembrou que "hai novas variantes moi contaxiosas e sectores importantes non vacinados", polo que instou a poboación a seguir usando máscara pola rúa.

A portavoz referiuse nestes termos ao alto risco de repunta en Cataluña, que se sitúa nos 1.281 puntos, o peor dato rexistrado desde o inicio da emerxencia sanitaria, e á velocidade de propagación (Rt) de 3,30, que implica que os infectados se triplican cada día, con case 6.000 contaxios nas últimas 24 horas e unha media de idade dos positivos de 26,5 anos.

"Están a cumprirse as peores previsións (...). É necesario volver cerrar o lecer nocturno que non se faga en espazos abertos e tamén poñer restricións ao aire libre nas actividades que reúnen moita xente", asegurou Plaja dúas semanas despois da reapertura do sector.

A portavoz precisou que as discotecas e salas de lecer nocturno que queiran abrir deberán habilitar zonas "totalmente ao aire libre", mentres que as que carezan de "acceso absoluto ao exterior" non poderán funcionar, e iso implica que si se poderán celebrar os festivais programados para este verán.

O peche prodúcese tan só dúas semanas despois de que a Generalitat permitise reabrir ao sector, que puido arrincar o pasado 21 de xuño, ás portas de Sant Joan, tras máis dun ano coa persiana baixada, e cando algúns locais decidiron nos últimos días cerrar ante a imposibilidade de garantir as medidas anticovid−19.

De feito, o pasado venres o conseller de Saúde Josep Maria Argimon abriuse a modificar o plan sectorial para introducir o test de antíxenos antes de entrar aos locais, unha medida que, para o sector, chegaba "tarde".

As restricións anunciadas polo Govern tamén afectan as actividades multitudinarias de calquera tipo con máis de 500 asistentes, que a partir desta fin de semana deberán presentar un test de antíxenos realizado doce horas antes ou ben contar co certificado da pauta completa de vacinación contra a covid−19.

Noticias web

06/07/2021