Os disturbios en Barcelona ocasionaron xa danos por máis de 1,6 millóns de euros
A sexta noite consecutiva de protestas por Hasél comezou cunha concentración pacífica que pronto derivou en novos incidentes violentos.
Nesta ocasión, o obxectivo dos manifestantes foi a Xefatura Superior da Policía, na Vía Laietana. Os mossos que a custodiaban recibiron o impacto de colectores, pedras e mesmo bengalas. Os corpos policiais denuncian o asedio dos violentos e o abandono das institucións.
Antonio Granados, voceiro do SUP: "Sentímonos abandonados polas autoridades, nacionais e autonómicas. Sufrimos cada día o asedio".
Dende o inicio das protestas, o martes pasado, os mossos detiveron 109 persoas. O director do corpo di que os convocantes son grupos anarquistas e independentistas radicais, aos que se suman oportunistas violentos. Os sociólogos alertan dun descontento social.
Roberto Barbeito, profesor de Socioloxía na Universidade Rey Juan Carlos: "Un sentemento de asfixia que teñen os mozos, agudizado pola pandemia".
A factura económica da semana de disturbios xa supera o millón e medio de euros. 900.000 polos estragos en espazos públicos, e 750.000 en establecementos comerciais, que suman aos danos nos locais os saqueos tras as protestas pola detención de Hasél.
O rapeiro, ingresado no cárcere de Ponent, non participa nas tarefas que lle son encomendadas e négase a compartir cela, segundo explica a súa avogada.
Alejandra Matamoros, avogada de Pablo Hasél: "Vivir dúas persoas sen ningún tipo de intimidade en celas minúsculas non é digno".
A letrada di que se sente forte grazas ao apoio que percibe do exterior.