CRTVG

Buscar

Cataluña suma 886 contaxios novos nas últimas vinte e catro horas

Publicado o 26/07/2020 14:40

Os rebrotes das últimas semanas en Cataluña provocaron unha vaga de cancelacións. En Barcelona, algúns hoteis que reabriran tras a apertura de fronteiras decidiron volver pechar.

O sector pide un plan de rescate, igual que as axencias de viaxes, cun 20% de anulacións.
Entenden as restricións contra a Covid-19, pero din que deben ser proporcionadas e que hai comunicalas mellor.

Os alcaldes da área metropolitana de Barcelona tamén reclamaron unha comparecencia ao máximo nivel para aclarar temas como a mobilidade, sobre o que a Generalitat fala de responsabilidade.

A comunidade notificou 886 contaxios novos nas últimas vintecatro horas. Onte foran preto de 1.500. Tamén baixou a cifra de ingresados en coidados intensivos, actualmente 67, dous menos que no informe anterior. E as funerarias non rexistraron novas vítimas mortais por coronavirus.
A Garda Urbana comproba o cumprimento das restricións ao ocio nocturno impostas desde esta fin de semana.

No Concello de Barcelona cren que controlar o ocio nocturno era a primeira medida que se tiña que tomar para frear os contaxios.

"Onde hai máis contaxios é na franxa de idade de entre 25 e 44 anos, pero tamén por debaixo de 25", din desde o Concello.

Barcelona e a súa área metropolitana tamén recortaron o límite de capacidade das praias para evitar as aglomeracións de días pasados.

Noticias web

26/07/2020