CRTVG

Buscar

Cataluña rexistra 994 contaxios desde onte e estende as restricións a outros tres concellos

Publicado o 19/07/2020 21:10

Nas últimas 24 horas Cataluña contabilizou 994 contaxios novos, o 70 % deles na área metropolitana de Barcelona. Tamén seguen á alza os ingresos en coidados intensivos. Hai 60 pacientes, tres máis ca onte.

O Govern decidiu estender as medidas restrictivas para conter os brotes a Figueres e Vilafant, en Xirona, e Sant Feliu de LLobregat, en Barcelona.

As medidas, que xa estaban impostas na área metropolitana de Barcelona e nas comarcas do Segrià e da Noguera, en Lleida, inclúen o consello de saír de casa só o imprescindible.

A directora de Protección Civil da Generalitat cre que a maioría da xente é responsable, pero lamentou as imaxes de aglomeracións en rúas e praias.

Oriol Mitjà, un experto que asesorou o Govern na desescalada di que recomendar non é suficiente e considera que debería ordenarse xa o confinamento domiciliario dos barrios cos focos máis grandes.

De momento, o goberno autonómico non pensa sequera en impedir que a xente marche das áreas con restricións. O director da Unidade de Seguimento da COVID-19 en Cataluña defendía que non hai risco se van ás súas segundas residencias.

Precisamente, as Baleares pensaran pedir corentena obrigatoria aos viaxeiros de Cataluña e outras zonas de risco ao entraren nas illas, pero deron marcha atrás.

Noticias web

19/07/2020