CRTVG

Buscar

Cataluña prohibe as reunións de máis de dez persoas e Murcia de seis

Publicado o 24/08/2020 11:34

Cataluña decidiu prohibir en todo o seu territorio as reunións de máis de dez persoas, tanto no ámbito público como privado, exceptuando o laboral e os transportes, coa intención de conter o avance da epidemia da covid, anunciou este luns en rolda de prensa o president, Quim Torra.

O presidente da Generalitat, quen convocou para mañá unha reunión extraordinaria do Govern para discutir e aprobar o plan de regreso ás escolas o 14 de setembro, explicou que a prohibición das reunións sociais débese a que un 70% dos contaxios que se diagnostican están a orixinarse en reunións sociais, familiares ou con amigos.

Torra tamén avanzou medidas máis restritivas de redución de ocupación en establecementos públicos nas cidades de Terrassa, Granollers, Lles Franqueses e Canovelles.

Volta ás aulas, con máscara

As máscaras serán obrigatorias para todos os alumnos de máis de 12 anos en Cataluña, e para os maiores de 6 anos naqueles territorios onde sexa máis elevado o risco de contaxio, mentres que o cociente de alumnos nas clases de primaria será de menos de 20 alumnos por aula.

O presidente da Generalitat, Quim  Torra, avanzou este luns en rolda de prensa que, entre o 15 de setembro e o 15 de novembro, faranse 500.000 probas PCR nas escolas e institutos de Cataluña, onde as clases comezarán presencialmente "si ou si" o próximo 14 de setembro.

Torra considera un reto as próximas tres semanas, "que son decisivas" para renovar o curso escolar e a actividade laboral tras o verán, e nas cales, segundo dixo, está en xogo "como será o outono e o inverno".

Murcia prohíbe as reunións de máis de seis persoas

O Goberno da Comunidade de Murcia decidiu prohibir as reunións de máis de seis persoas non conviventes e limita a capacidade das celebracións, como vodas, bautizos e comuñóns, a 30, co obxectivo de frear a cadea de contaxios de covid-19 na Rexión de Murcia. Así o anunciou este luns o conselleiro de Saúde, Manuel Villegas, quen explicou que estas medidas se adoptan tras analizar a actual situación epidemiolóxica da Rexión, que, aínda que se sitúa por baixo da media nacional en incidencia acumulada, presenta datos "inquietantes" nalgúns municipios nos que se duplicou o número de positivos.

Madrid recomenda evitar as xuntanzas sociais innecesarias

En Madrid, seguen recluidos os habitantes de Tielmes, unha poboación pantasma de 2.600 habitantes onde se suspenderon practicamente todas as actividades no exterior.

A Comunidade de Madrid pídelle aos cidadáns que eviten interaccións sociais innecesarias. E en Castellón, pendentes do gromo no hospital provincial, que obrigou a adiar operacións ao detectárense 7 positivos entre persoal de quirófano.

Cribados masivos

A realización de cribados masivos está a resultar a medida máis rerrodida nas distintas comunidades autónomas para controlar a expansión do virus. O Departamento de Saúde do País Vasco estao facendo en Gernika, onde xa se confirmaron 51 positivos. As PCRs van destinadas a aquelas persoas que estiveron na zona de ocio entre os días 14 e 17 de agosto. Tamén preocupan as residencias de maiores. Na de Barrika, Biscaia, faleceron dous usuarios e hai 33 infectados.

Miren Nekane Murga, conselleira de Sanidade do País Vasco "Os datos actualizados de COVID 19 en Euskadi seguen alimentando a preocupación, a pesar de que hoxe o número de casos positivos detectados é menor ca en días anteriores".