Cataluña pecha a hostalería durante 15 días para frear o avance dos contaxios
Os bares e restaurantes de Cataluña pecharán previsiblemente durante 15 días para frear o rápido avance dos contaxios. Decidiuno o comité executivo de crise, que xestiona a resposta á pandemia.
"A situación é preocupante e hai que actuar", di Pere Aragonés, presidente en funcións da Generalitat.
A patronal do sector rexeita a medida. E anuncia que a recorrerá aos tribunais para frear a restrición, que consideran arbitraria e desproporcionada.
Nas últimas 24 horas rexistráronse 1.600 novos contaxios e 23 falecidos. Os pacientes hospitalizados superan o milleiro, polo que se sitúan xa en niveis de maio.
Unha situación que obrigou á Generalitat a tomar outras medidas. Como a suspensión durante 15 días das clases presenciais na universidade.
Tamén se aprazan as competicións deportivas e se prevé limitar a acollida nos espazos comerciais
Fóra de Cataluña, en Andalucía, a localidade sevillana de Écija tamén será confinada perimetralmente dende este xoves, tras rexistrar unha incidencia de máis de 900 casos por cen mil habitantes.
A cidade de Salamanca está tamén está ao bordo do confinamento. O Goberno de Castela e León responsabiliza do auxe dos contaxios a parte do alumnado universitario. Din que a irresponsabilidade dalgúns estudantes provocou unha suba da incidencia, que se sitúa nos 454 casos por cen mil habitantes.