Cataluña inicia o luns unha nova desescalada cunha reapertura limitada da restauración
Remite a velocidade de contaxio en Cataluña, arredor dos 2.000 casos diarios, pero mantense a presión hospitalaria. A Generalitat propón unha desescalada en catro fases a partir do luns. Ese día, prevé reabrir bares e restaurantes ao 30 por cento ata as cinco do serán; e os espazos culturais coa metade de ocupación.
Asturias, aínda en fase de ascenso, vai manter pechado o comercio e a hostalería unha semana máis. O executivo autonómico estuda restrinxir a mobilidade nos concellos con maior incidencia. Oviedo, Xixón e Avilés continúan confinados.
O Goberno de Castela-A Mancha prorroga o peche perimetral e o toque de queda polo menos sete días. A Comunidade Valenciana, Cantabria e Navarra estenden as súas restricións ata decembro.
A Comunidade de Madrid, que este martes suma 1.400 positivos, quere facerlle a proba de antíxenos a toda a poboación antes do Nadal. Para iso, pídelle ao Executivo central que autorice a realización do test nas farmacias de balde.