CRTVG

Buscar

Cataluña frea a desescalada por un cambio "brusco" de contaxios

Publicado o 03/12/2020 17:36

Cataluña non avanzará o vindeiro luns, día 7, de tramo e permanecerá no 1, debido a un cambio "brusco" nos datos da pandemia, que frearon o seu descenso das últimas semanas, segundo anunciou este xoves a consellera de Saúde, Alba Vergés.

"Xestionar unha repunta nesta situación sería complicadísimo", considerou a consellera, que pediu a colaboración de todos os cidadáns en reducir ao máximo as interaccións sociais, con "prudencia e esforzo colectivo".

Polo momento, permanecerase no tramo 1 quince días máis, aínda que se irá "avaliando diariamente" a situación, precisou a consellera. A velocidade de transmisión do coronavirus (Rt) en Cataluña volveu a subir hoxe por terceiro día consecutivo, e situouse en 0,92, tres centésimas máis ca onte, o que obriga o Govern a frear a desescalada, o que supón que volve haber propagación do virus.

O secretario de Saúde Pública, Josep María Argimon, indicou que, de feito, os responsables de Saúde observaron o cuarto día da reapertura, é dicir, fai hoxe unha semana, que se empezaba a frear a tendencia descendente dos contaxios e que "a redución agora é imperceptible". Así, o número de persoas ingresadas nas UCI (438 hoxe) baixa, pero só un 1 %, e os hospitalizados, un 2 %, datos que, xunto co incremento "brusco" detectado os últimos días da Rt, fixeron que os responsables de Saúde aposten "pola prudencia" e non permitan avanzar no plan de reapertura cara á fase 2.

Nesta fase 2 permitiríase a apertura dos centros comerciais, cunha ocupación do 30 %, e o comercio podería chegar ao 50 % de capacidade e superar os 800 metros cadrados abertos ao público, ademais de permitirse a mobilidade dentro da mesma comarca e outras ampliacións de ocupación en cines, teatros e salas de concertos.

Polo momento, estas reaperturas deberán esperar ata que os datos acompañen, aínda que "non estamos pechados a nada", asegurou a consellera, e "faremos un seguimento diario" para ver a tendencia que seguen as cifras, dixo Argimon. 

 

Noticias web

03/12/2020