CRTVG

Buscar

Cataluña decreta o peche de todos os seus concellos dez días a partir do 7 de xaneiro

Publicado o 04/01/2021 15:05

• A Genetalitat anuncia tamén que durante as fins de semana só estarán abertos os comercios esenciais

O Govern da Generalitat endurece as restricións para partir do día 7 e durante 10 días ante o auxe do coronavirus, co establecemento de confinamento municipal cada día e peche de centros comerciais e ximnasios, á vez que empezará a vacinar xa aos sanitarios, en paralelo aos anciáns nas residencias.

Así o explicou a conselleira de Saúde, Alba Vergés, nunha conferencia de prensa xunto co titular de Interior, Miquel Sàmper, na que anunciou esta "nova parada social" para tratar de controlar a expansión do virus. 

As festas adiantan a chegada da terceira onda de contaxios

Parece que tamén para a pandemia chega a resaca dos excesos das festas. A incidencia acumulada en España segue en ascenso: pechamos o ano cunha media de case 280 casos por cen mil habitantes, e non é o único síntoma de empeoramento. "Vese primeiro na incidencia, logo nos ingresos, e logo por desgraza nos ingresos en UCI e nos falecementos" explica o inmunólogo Alfredo Corell, que dá por iniciada esa "terceira onda". 

A chegada da terceira onda prevíase para a segunda quincena de xaneiro, así que chega adiantada e avanza de maneira desigual. Á cabeza en incidencia acumulada están Baleares e Estremadura, con máis de 500 casos por cen mil habitantes. Con máis de 400, Madrid e Cataluña, onde preocupa a presión nos hospitais: hai máis de dous mil ingresados e case 400 casos graves nas UCI.

Para Corell, xaneiro "vai ser un mes duro, xa se prevía, e en función de como actuásemos durante estas festas, será máis ou menos duro". Na súa opinión, tentouse "salvar o Nadal á costa da saúde".

Preocupa tamén a expansión da variante británica do virus, por máis contaxiosa. "Non é máis grave ou máis letal, pero é máis perigosa porque escapa máis aínda de control nun momento en que o contaxio non está baixo control", explica o inmunólogo.

Di que, no lado positivo, as medidas de protección fronte á covid frean a incidencia da gripe, un alivio que evita maior tensión no sistema sanitario.