Cataluña celebra a Diada pendente da mesa de diálogo co goberno do Estado
É a segunda Diada que se celebra en pandemia pero sen as restricións do ano pasado. Os actos conmemorativos comezaron cedo, coa ofrenda floral ao monumento a Rafael Casanova, considerado un mito para o independentismo. Por aquí pasaron representantes de todas as institucións de Cataluña. O presidente da Generalitat, Pere Aragonés, acudiu primeiro cos seus conselleiros e despois acompañando o líder do seu partido, Oriol Jonqueras, que, coma o resto dos políticos do procés indultados polo Goberno central, celebra a Diada en liberdade. Desde a Generalitat xa adiantaron que se apoiarán nesta Diada para reclamar a celebración do referendo de autodeterminación na reunión que se vai celebrar o xoves ou o venres que vén.
"Aínda non falamos, estamos ultimando a orde do día que sairá á luz pública, tamén os membros da mesa da táboa de negociación".di a conselleira da presidencia
Junts per Cat, socios de Esquerra no Goberno catalán cre que esta mesa de diálogo é inútil e que só haberá negociacións despois da confrontación.
"Non hai división nos membros do Goberno, hai acentos distintos que poñen unha vontade para avanzar coordinadamente para conseguir o dereito de autodeterminación, nós dixémolo sempre somos escépticos con esta mesa de diálogo". dixo Jordi Sánchez
A reunión convocouna Pere Aragonès e confía en que acuda o presidente do Goberno. Pedro Sánchez utilizou as redes sociais para felicitar os cataláns e pedir unidade e concordia. A delegación do PSC na ofrenda floral presidiuna Salvador Illa, que en decembro sucederá a Miquel Iceta como primeiro secretario do partido.
"Gustaríanos que esta Diada servise para buscar un diálogo honesto e sincero entre todos os cataláns" afirma Illa
O partido popular tamén felicitou os cataláns nas redes sociais. Os populares, Ciudadanos e Vox optaron por celebrar actos propios. De fóra de Cataluña acudiron representantes do BNG e dos partidos nacionalistas vascos. O acto principal desta Diada será a manifestación convocada para esta tarde.