CRTVG

Buscar

Cataluña aproba os seus primeiros orzamentos desde 2017, aínda que nacen desfasados

Publicado o 24/04/2020 22:52
Cataluña aproba os seus primeiros orzamentos desde 2017, aínda que nacen desfasados

O Parlamento de Cataluña aprobou este venres os primeiros orzamentos da Generalitat desde 2017, grazas ao aval de JxCat, ERC e Catalunya en Comú Podem, aínda que as contas nacen desfasadas pola crise do coronavirus, polo que agora haberá que realizar axustes para adaptalas á situación.

Pasadas as 22.00 horas, nunha maratoniana votación nun pleno de formato reducido (16 deputados votaban presencialmente, 93 por delegación e outros 25 facíano por vía telemática), o  Parlament aprobou o proxecto que o Govern acordou cos comúns, cuxa abstención serviu para validar o groso do articulado.

Os comúns lograron ademais que fose aprobada unha emenda súa para destinar un millón de euros máis á Axencia Catalá de Cooperación ao Desenvolvemento: tras dous empates nas votacións, o PPC deu o seu apoio á proposta e permitiu a súa aprobación.

Na súa intervención no pleno, o vicepresidente do Govern, Pere Aragonès, recoñeceu que cando se empezou a elaborar o proxecto "fai seis meses" non había alarma polo coronavirus e, por tanto, haberá que "reorientar" as contas para adaptalas ás necesidades xeradas pola crise. Aínda así, cre que son "mellores" que o orzamento prorrogado de 2017, o ano do referendo ilegal do 1-O.

O conseller de Economía e Facenda loou a "responsabilidade" dos comúns ao facilitar a aprobación dos orzamentos, que permiten ao Govern contar con 3.000 millóns de euros máis, e recriminou a PSC e CUP a súa posición "inmovilista e conservadora".

Aragonès apelou a toda a oposición a abrirse a "grandes consensos" para facer posible un "gran acordo a nivel nacional para a reconstrución" tras os estragos causados polo coronavirus. Ademais, pediu ao Executivo de Pedro Sánchez que axude á Generalitat con "transferencias" de recursos, e non con "préstamos" con intereses, para a fase de reconstrución.

Na mesma liña, o presidente da Generalitat, Quim Torra, admitira, na sesión de control, que os orzamentos "non bastan" para facer fronte ao custo sanitario que está a xerar a crise do coronavirus, de maneira que farán falta "transferencias directas do Estado, e non préstamos".

Reaccións dos partidos

· Ciudadanos: levou os orzamentos ao Consello de Garantías Estatutarias e reclamaba un novo proxecto, polo que denunciou a través do seu deputado José María Cano que estas contas "son unha viaxe ao pasado" e resultan aínda "menos útiles" tras a crise.

· PSC: Alicia Romero arremeteu contra uns orzamentos "estériles" que non servirán para dar resposta ás necesidades sobrevindas pola crise da COVID-19, aínda que tendeu a man para acordar as modificacións necesarias.

· Catalunya-En Comú Podem: apoiaron as contas, xunto con JxCat e ERC. A súa líder parlamentaria, Jéssica Albiach, argumentou que conviña aprobalas ao ser "a mellor ferramenta" para construír un plan de choque ante a actual crise.

· CUP: a deputada Maria Sirvent mostrouse máis crítica e denunciou que os orzamentos son "caducos", supoñen "unha nova condena ás clases populares" e priorizan o pago da débeda aos bancos.

· PPC: o deputado Santi Rodríguez advertiu de que os orzamentos deseñados polo Govern non serven para afrontar a crise, polo que pediu que se modifiquen seguindo a receita "máis política social, impulso da economía e menos procés".

· Vox: o deputado de Vox no Congreso por Barcelona, Ignacio Garriga, denunciou nun comunicado que estas contas "priman a axenda separatista sobre a seguridade sanitaria".