CRTVG

Buscar

Raúl Castro confirma que abandona o liderado do PC e critica a hostilidade dos EUA

Publicado o 16/04/2021 21:13

• Castro: "A disidencia domina as redes, pero a rúa é dos revolucionarios"

 

O Partido Comunista de Cuba celebra desde hoxe o congreso que vai supor a despedida da vida política de Raúl Castro. Está previsto que o primeiro secretario da formación, de 89 anos, lle ceda a dirección do partido ao presidente cubano, Miguel Díaz-Canel. Tamén se espera a remuda doutros dirixentes históricos e o ascenso á cúpula do partido da xeración nacida despois da revolución de 1959.

Castro denunciou este venres o incremento da hostilidade dos EUA nos últimos anos e insistiu na vontade do seu país de fomentar un diálogo respectuoso "sen concesións inherentes á súa soberanía e independencia". Castro, que durante o seu último mandato como presidente (2013-2018) impulsou o proceso de desxeo co país veciño, deplorou durante a súa intervención na apertura do VIII Congreso do PCC o endurecemento das sancións de Washington, mesmo durante a pandemia do coronavirus.

Segundo o primeiro secretario do PCC, citado pola axencia estatal Prensa Latina -o Congreso celébrase a porta pechada e sen acceso para a prensa estranxeira-, as máis de duascentas medidas contra Cuba impostas durante o mandato do anterior presidente estadounidense, Donald Trump, manifestan a "desapiadada natureza do imperialismo".

O mandatario republicano suprimiu as canles legais de envío de remesas, endureceu os requisitos para viaxar á illa, vetou os cruceiros, prohibiu os voos a todos os aeroportos cubanos excepto o da Habana e reincluyó á illa caribeña na lista estadounidense de países patrocinadores do terrorismo.

Castro sostivo que a política estadounidense prexudica as relacións económicas de Cuba con practicamente todas as nacións do planeta, falou dunha "verdadeira cacería" e criticou que Washington persegue " sabotear o sistema empresarial, crebar a xestión do Estado e promover o caos, estrangular o país e provocar un estalido social".

En Cuba, que atravesa unha aguda crise económica, esperábase que a chegada do demócrata Joe Biden á Casa Branca en xaneiro pasado suavizase as tensións bilaterais vividas con Trump e propiciase un novo achegamento. Por contra, a portavoz da Casa Branca, Jen Psaki, ao ser preguntada hoxe polo conclave dos comunistas cubanos reiterou que cambiar a política cara á Habana non é unha prioridade para a política exterior de Biden. 

Castro: "A disidencia domina as redes, pero a rúa é dos revolucionarios"

Raúl Castro dixo que a oposición na illa non ten liderado e concentra o seu activismo na internet, mentres que "as rúas, os parques e as prazas serán dos revolucionarios". "A contrarrevolución interna carece de liderado e estrutura organizada e concentra o seu activismo nas redes sociais. As rúas, os parques e as prazas serán dos revolucionarios. Xamais negaremos o dereito aos revolucionarios a defender a súa Revolución!", afirmou o menor dos Castro, de 89 anos.


 

Noticias web

16/04/2021