CRTVG

Buscar

Castells, o ministro con máis patrimonio; Díaz e Garzón, os que menos

Publicado o 26/03/2021 20:32

Segundo a declaración obrigatoria de bens publicada no 'Boletín Oficial do Estado', o ministro de Universidades, Manuel Castells, é o que máis patrimonio declara ter de todo o Goberno. Case tres millóns de euros. En segundo lugar en canto a maior patrimonio está Pedro Duque, con máis dun millón de euros.

Quen menos declara é a ministra de Traballo e futura vicepresidenta terceira. Yolanda Díaz ten sete mil euros no banco, inmobles valorados en corenta mil euros e unha débeda de vinte e cinco mil. A tamén galega Nadia Calviño, vicepresidenta de Economía, non ten débedas, conta con inmobles valorados en case trescentos mil euros e supera en patrimonio a Pedro Sánchez e a Pablo Iglesias.

O presidente do Goberno conta cun patrimonio neto de douscentos mil euros. Inmobles valorados en cento oitenta mil, setenta e tres mil euros no banco e unha débeda de algo mais de cento cincuenta mil euros. Pablo Iglesias, ata agora vicepresidente segundo do Goberno, declara máis que o presidente Sánchez, Pablo Iglesias ten máis de medio millón de euros en activo. Case douscentos cincuenta mil en débedas. A ministra de Igualdade, Irene Montero, declara bens por valor de seiscentos mil euros, dos que douscentos trinta mil son pasivo. Hai dez ministros que teñen máis patrimonio que o presidente do Goberno.

A titular de Facenda, María Jesús Montero, o de Consumo, Alberto Garzón e a de Traballo, Yolanda Díaz, son os titulares do Goberno que menos activos declaran.



 

Noticias web

26/03/2021