CRTVG

Buscar

Castela-A Mancha suspende as clases o luns e martes polas nevaradas

Publicado o 09/01/2021 21:18

Situación moi complicada tamén en Castela-A Mancha. As maiores dificultades para circular estanse a producir na provincia de Cuenca. Tamén se viron moi afectadas tres vías da rede principal en Toledo. O 30% das estradas desa provincia están intransitables.

En Albacete, durante esta xornada uns 114 quilómetros de vías permanecen, segundo a DXT, con niveis de circulación difícil ou interrompida. Guadalaxara pedía a intervención da Unidade Militar de Emerxencias.

Varias estradas principais ao seu paso por esta comunidade habilitaron espazos para embolsar camións ante a imposibilidade de que transiten. Segundo a Delegación do Goberno na rexión son uns 2.000 vehículos os que permanecen estacionados nestes espazos, grazas tamén ao traballo dos operarios, como está a suceder en Madridejos, Toledo.

A nevarada deixaba ademais imaxes coma esta: o peso da neve derrubaba a marquesiña dunha gasolineira de Priego, en Cuenca.

O temporal provocou ademais que preto de 27.000 abonados das provincias de Albacete, Cuenca, Guadalaxara e Toledo quedaran sen electricidade.

Ante a magnitude das nevaradas, o Goberno autonómico pediulles aos cidadáns que queden na casa e suspendeu as clases en toda a comunidade o luns e o martes.

Pero a pesar de todas as dificultades, moitos decidían saír hoxe á rúa e aproveitaban para gozar do frío e da neve.

Noticias web

09/01/2021