Toda España en risco extremo, agás Castela a Mancha, con Cataluña liderando contaxios
• Murcia sobe ao risco extremo e Ceuta é o único territorio en risco medio
• A incidencia segue subindo e sitúase en case 600 casos por cada 100.000 habitantes
As comunidades autónomas notificaron este luns ao Ministerio de Sanidade 61.628 novos casos de COVID−19 durante a fin de semana, 8.105 deles diagnosticados nas últimas 24 horas. Estas cifras son superiores ás do mesmo día da semana pasada, cando se notificaron 33.932 positivos.
A cifra total de contaxios en España elévase xa a 4.161.850 desde o inicio da pandemia, segundo as estatísticas oficiais. A incidencia acumulada nos últimos 14 días por 100.000 habitantes sitúase en 599,69, fronte a 537,34 o venres. Nas pasadas dúas semanas rexistrouse un total de 284.559 positivos.
O 75 por cento dos novos contaxiados teñen menos de corenta anos. O dato explícase tamén polo avance da vacinación: máis da metade dos españois están totalmente inmunizados.
No informe deste luns engadíronse 23 falecementos, en comparación con 17 o luns pasado. Ata 81.119 persoas con proba diagnóstica positiva faleceron desde que o virus chegou a España, de acordo cos datos recolleitos polo Ministerio. Na última semana faleceron 50 persoas con diagnóstico de COVID−19 positivo confirmado en España.
E a pesar de que a hospitalización é moito menor en relación ao número de contaxiados, o aumento dos ingresos preocupa.
Actualmente, hai 6.482 pacientes ingresados por COVID−19 en toda España (5.056 o venres) e 1.039 en UCI (872 o venres). Nas últimas 24 horas, producíronse 1.069 ingresos (984 o venres) e 346 altas (729 o venres). A taxa de ocupación de camas por coronavirus sitúase no 5,42 por cento (4,22 % o venres) e nas UCI no 11,42 por cento (9,59 % o venres).
Entre o 9 e o 15 de xullo, as comunidades autónomas realizaron 1.145.677 probas diagnósticas, das cales 693.179 foron PCR e 452.498 tests de antíxenos, cunha taxa global por 100.000 habitantes de 2.436,25. A taxa total de positividade sitúase no 15,13 por cento, fronte ao 14,26 por cento do venres.
Cataluña vai á cabeza no número de contaxios. Séguea Castela e e León, onde acaban de prohibir o consumo en barra nos locais de hostalería un mes despois de permitilo e adiantan o peche dos locais á unha e media da madrugada. En terceiro lugar, por incidencia, está Navarra. Alí agardan que a xustiza avale o toque de recollida á unha da madrugada no oitenta por cento do seu territorio. Tamén queren reducir as reunións entre non conviventes, un paso que tamén deron as Baleares, que aprobaron unha batería de medidas novas.
A vacinación apura nunha carreira contra a rápida expansión da variante delta. Máis da metade da poboación española recibiu a pauta completa, 24 millóns de persoas. Administráronse máis de 51 millós de doses. En Madrid din que agora non teñen viais dabondo e hai cidadáns que non terán a súa segunda inxección de Pfizer nos 21 días establecidos. O conselleiro afirma que é porque este mes reciben a metade das vacinas de xuño. No ministeiro aseguran que todas as autonomías estaban informadas das variacións nos envíos.
Comunidades autónomas e Goberno avaliarán a situación sanitaria este martes nunha nova reunión do consello interterrritorial do sistema nacional de saúde.