CRTVG

Buscar

Caso Asunta: a desaparición da pequena causou gran conmoción en Compostela

Publicado o 18/11/2020 14:55

A desaparición de Asunta Basterra na tarde do 21 de setembro de 2013 conmocionou en Compostela. A nena pertencía a unha familia moi coñecida na cidade.

As noticias sobre a súa desaparición chegaban á última hora da tarde, cando Rosario Porto e Alfonso Basterra acudían á policía a dar conta da ausencia da pequena.

Poucas horas despois, na madrugada do día seguinte, dúas persoas descubrían o corpo nunha pista forestal de Cacheiras, no municipio de Teo, a só cinco quilómetros da casa familiar que Rosario Porto ten en Montouto.

As constantes contradicións nas declaracións de Rosario e Alfonso sobre o acontecido aquela tarde puxeron a parella no foco principal da investigación.

Nunha primera versión, Rosario declarara que deixara a Asunta sobre as sete da tarde estudando na casa e que dúas horas despois, cando regresou, a nena non estaba.

Tras coñecer a existencia dunhas imaxes das cámaras de seguridade que as sitúan xuntas nun coche en dirección a Teo, Rosario modificaba o testemuño. Asegurou entón que regresara de Montouto preto das 6 da tarde e que deixara a Asunta co seu pai.

Dous días despois do suceso, estas contradicións levaron á detención de Rosario Porto no tanatorio tras acudir á incineración do corpo de Asunta.

Ao día seguinte, e tras as probas recadadas na casa familiar de Montouto, o xuíz instrutor Vázquez Taín ordenaba a detención de Alfonso Basterra tras acudir á misa funeral pola pequena.

Noticias web

18/11/2020