Case o 90 % das farmacias de Pontevedra recollerá mostras de saliva
O interese cidadán pola proba comprobámolo nesta farmacia onde o titular, Luís Amaro, contanos que "hoxe pola mañá as primeiras persoas foron todas para recoller o tubiño".
En menos dunha hora entregaran todas as probas asignadas para hoxe. Os que a levaron quería comprobar que non é asintomática e protexer así os que os rodean.
Cumprían cos requisitos: ter entre 40 e 64 anos, tarxeta sanitaria e móbil, que non fixesen unha PCR nos últimos 15 días, que non traballen ou sexan usuarios de residencias, que non estean no programa se seguimento da covid por contactos e que non a padecesen nos últimos tres meses, entre outros.
O resto é sinxelo, a proba faise coa primeira saliva da mañá. O farmacéutico insiste en que ten que ser "antes de almorzar, antes de beber auga e sen lavar os dentes. Esa primeira saliva que se recolle ata a marca neste tubiño que se entrega na farmacia".
E de aquí ao laboratorio do Meixoeiro para seren analizadas pola técnica de pooling. Os resultados son notificados polo Sergas: mensaxe para os negativos e chamada se dá positivo, para iniciar o protocolo.
Prácticamente o 90 por cento das farmacias da provincia de Pontevedra sumáronse xa a este acordo co Sergas. Hai un número asignado de probas diarias para non saturar os laboratorios. Agora agardan que se estenda ao resto das provincias para aumentar a capacidade diagnóstica en Galicia.