CRTVG

Buscar

Casas pasivas para non pagar calefacción en todo o ano

Publicado o 08/12/2020 15:13

Agora que chega o frío, imaxinan vivir nunha casa que non precisara calefacción? Pois xa é posible se constrúen unha casa pasiva. Trátase de vivendas cun consumo enerxético case nulo, e en Galicia xa hai exemplos.

Ter a casa a 20° todo o ano sen usar calefacción é unha das vantaxes de vivir nunha vivenda pasiva. Este arquitecto coruñés ten varios proxectos en marcha e explícanos como logran que o consumo enerxético sexa case nulo.

"É fundamental o illamento, a envolvente térmica da vivenda, tanto en ventás como en muros e pontes térmicas, que son eses sitios que meten o frío dentro da casa. Outra diferenza fundamental cunha casa convencional é a hermeticidade, o aire non escapa polos buratos de enchufes, fiestras ou portas", di Fernando Martínez, arquitecto.

Malia ser vivendas herméticas, o aire no interior é saudable e renóvase constantemente. "Utilízase unha máquina, o recuperador de calor, que quita o aire viciado da casa e mete aire fresco e intercambia a calor entre eles", conta Fernando.

Nestas casas non hai nin que abrir as fiestras para ventilar. Un dato de especial interese en tempos de pandemia. "Con técnicas pasivas de control do aire e de hermeticidade das aulas, poderíase controlar a calidade do aire para previr contaxios sen ter as ventás abertas cos nenos pasando frío".

Calculan que construír unha casa pasiva é un 8% máis caro, pero o investimento podería recuperarse nuns 7 anos. Pode parecer a vivenda do futuro, pero xa está no presente e en Galicia temos cada vez máis exemplos.

Noticias web

08/12/2020