CRTVG

Buscar

Casado: "Sánchez prefire mans manchadas de sangue a mans pintadas de branco"

Publicado o 08/04/2019 22:22

Rivera promete unha selectividade igual en toda España e a implantación da materia Constitución española. 

Albert Rivera, presidente de Ciudadanos: "E a quen lle moleste esta materia ten un problema coa democracia e coa Constitución española".

En forma de Constitución presentou o seu programa Podemos, marcando como obxectivo cumprir os artigos que protexen a xente, como o dereito ao traballo ou a unha vivenda digna. 

Pablo Iglesias, secretario xeral de Podemos: "Falemos da Constitución nesta campaña, dos artigos que protexen a xente. Oxalá as forzas políticas que se declaran constitucionalistas estean dispostas a ler a Constitución e a discutir como aplicala".

No PSOE decidirán esta semana sobre o cara a cara entre Sánchez e Casado, que reclama o PP. 

José Luis Ábalos, secretario de Organización do PSOE: "Axudaríanos moito que se puxesen de acordo as tres dereitas para ver quen debería facer o cara a cara. Porque agora que se reparten os ministerios e demais sería moi importante saber quen é o líder que os representa".

Casado respondeu dende Barcelona, onde presentaron o programa electoral, acusando a Sánchez de cobarde por non querer debatir e por buscar, di, o apoio de Bildu e dos independentistas.

Pablo Casado, presidente do PP: "O único non é non de Sánchez é o que nos deu a non debater, a covardía do perdedor. Prefire mans manchadas de sangue a mans pintadas de branco. Prefire mans pintadas de amarelo que mans abertas a todos os españois".

Destacou que o programa do PP inclúe 500 medidas para cambiar España centradas na creación de emprego, a garantía das pensións e a defensa da liberdade en todos os ámbitos.

Noticias web

08/04/2019