Casado rexeita valorar a imputación de Cospedal por non ter información
O líder do PP, Pablo Casado, rexeitou este xoves valorar a imputación da exsecretaria xeral da súa formación, María Dolores de Cospedal, na chamada operación Kitchen, xa que, segundo alegou, non lle corresponde "valorar cuestións" das que non ten "ningunha información".
Nunha conferencia de prensa durante a súa visita a Ceuta, Casado lembrou que hai catro meses dixo que non falaría de asuntos que non lle "corresponde" valorar e que "non teñen nada que ver" coa súa "responsabilidade" como presidente da formación.
Ante as preguntas sobre Cospedal, os asistentes apuparon os medios sinalando que Casado acudira á cidade autónoma para falar doutros asuntos. "Estou bastante de acordo con estes cabaleiros", respondeu o propio Casado. Fontes do partido aseguran que eran persoas "anónimas" e non militantes.
En canto á posibilidade de abrirlle un expediente a Cospedal, o líder popular insistiu no seu "compromiso cos valores que representa o PP no seu servizo público" e que "sempre estiveron vinculados a falar do que" a el lle corresponde "valorar e non de cuestións das que" non ten "información".
O PP tenta esquivar o asunto dende que este mércores o xuíz da Audiencia Nacional Manuel García-Castelló citara como investigados a Cospedal e o seu marido, o empresario Ignacio López del Hierro.
O maxistrado tenta esclarecer a súa suposta implicación na espionaxe parapolicial montada desde o Ministerio do Interior contra o ex tesoureiro do PP Luís Bárcenas e a súa familia a través da operación Kitchen.