CRTVG

Buscar

Casado confirma o recurso dos indultos ante o Supremo e pídelle a Sánchez que dimita

Publicado o 30/06/2021 12:06

O líder do Partido Popular, Pablo Casado, confirmou no Pleno do Congreso que o seu partido xa recorreu ante o Tribunal Supremo os indultos aos condenados polo 'procés', un paso que, ao seu xuízo, vai supoñer a "liquidación" de Pedro Sánchez como presidente do Goberno e o "epitafio" do PSOE.

"Anuncio que recorremos ao Tribunal Supremo a concesión destes indultos como partido político que representa a millóns de españois afectados na súa soberanía con este atropelo democrático e a miles de cataláns que viron atacado o seu patrimonio, a súa liberdade, a súa seguridade e a súa convivencia na  escola, o traballo ou nos servizos públicos. Xa abonda!", proclamou.

En concreto, o PP presentou nove recursos, por cada un dos indultados, que se rexistraron este mesmo mércores. Segundo confirmaron fontes da dirección nacional do partido, "a base dos nosos recursos é que temos interese lexítimo na cuestión".

Na súa intervención na cámara, Casado puxo en dúbida a promesa de Pedro Sánchez de que non haberá referendo de autodeterminación en Cataluña. "Pretende que lle creamos agora cando di que non vai haber referendo ilegal?", preguntouse o xefe da oposición, tras as palabras de Sánchez.

"Liquidación como presidente"

Para Casado, o líder do PSOE padece "síndrome de Estocolmo" cos independentistas, pero "o pago destes indultos será a súa liquidación como presidente e o epitafio do PSOE constitucional". Ao seu xuízo, o independentismo retomou a súa viaxe a ningunha parte, pero esta vez, dixo, "con Pedro Sánchez de copiloto".

Tras asegurar que Sánchez está "impulsado un cambio de réxime cunha mutación constitucional pola porta de atrás", Casado criticou que despois dos indultos o Goberno pretenda agora ademais que os españois "paguen a súa malversación e corrupción".

Por todo iso, pediu de novo a dimisión de Pedro Sánchez despois de que elixira "a deshonra" e ser presidente "grazas aos que queren destruír" España, algo que, ao seu entender, evidencia que "non se pode caer máis baixo".

"Dimita, disolva o Parlamento e convoque eleccións, só así poderá quizá indultarle a historia", concluíu, provocando o aplauso da bancada do PP.

Vox anima o PP a presentar unha moción

O presidente de Vox, Santiago Abascal, pediulle este mércores ao PP que "asuma a súa responsabilidade" e presente unha moción de censura que eles "apoiarán sen reproches" e que, nesta ocasión, poderían avalar os deputados de Teruel, das Canarias ou de Cantabria.

Na súa intervención no debate sobre os indultos, Abascal recoñeceu que "non é doado" armar unha moción. Porén, considerouna máis necesaria que a presentada pola súa formación o pasado outono.

"En outubro merecía ser censurado e hoxe meréceo cen veces máis; nunca houbo tantos e tan diversos motivos para censurar un Goberno", subliñou.

Dirixíndose ao líder do PP, Pablo Casado, o presidente de Vox preguntou: "Non cren que moitos deputados que apoiaron a investidura non poderían volver explicar aos seus electores o apoio ao Goberno do indulto dos golpistas en Teruel, en Cantabria ou nas Canarias?".

"Esta cámara xa non representa o sentir dos españois", asegurou Abascal, quen retou a Casado a "tratar de conseguir os apoios necesarios, lévelle o tempo que lle leve".

Para Abascal, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, "pasará á historia como alguén que traizoou os españois, España e a súa Constitución e que traizoou o rei" co único obxectivo de "durmir unha noite máis na Moncloa".

Asegurou que os indultos "son un acto de corrupción política" e unha "puñalada por detrás" aos cataláns "que padeceron o golpe", aos españois que cumpren a lei, aos "xuíces valentes que defenderon a lei, e ao rei, que encarna a unidade e permanencia de España".

Trátase "duns indultos non solicitados, sen petición de perdón, sen propósito de emenda e coa vontade declarada de volve facelo", enumerou antes de subliñar que o seu partido "tamén o volverá facer", defender os españois e denunciar os separatistas ante a lei.

Co indulto, "un Goberno que chegou mentindo lexitimou a violencia, a ruptura e a corrupción, e o que é peor, non dubidaron en poñer sobre a mesa do rei un papel que atenta contra o que o rei encarna, a unidade e permanencia de España", resolveu.

ERC: "Denos tempo"

O portavoz de ERC, Gabriel Rufián, replicoulle ao presidente do Goberno que na mesma tribuna desde a que este mércores asegurou que o PSOE xamais aceptará un referendo de autodeterminación, no seu día dixo que nunca habería indultos. "Denos tempo", díxolle.

Rufián aplaudiu a medida dos indultos porque, malia non solucionar o conflito, "son unha medida para mellorar o clima político, que é o que permite permanecer na centralidade do terreo de xogo e non nos extremos, que hai barro".

Boa parte da súa intervención dedicouna a cargar contra o PP, Ciudadanos e  Vox, aos que lembrou que a concesión das medidas de graza non levantou a rúa e xa "soan como un móbil nun teatro: inoportunos, molestos e innecesarios".

O seu discurso choca coa realidade, sinalou, porque á cidadanía impórtalle moito máis onde e cando vai vacinarse contra a covid que "onde manifestarse con vostedes", xa que, para a súa desgraza, dixo, "non está a pasar nada, o silencio da xente e o silencio das rúas", aludindo así "a un dos grandes hits dun tal Rivera: Escóitano? É o silencio".

Para  Rufián o problema de España é que a dereita "quere desmantelar o Estado de dereito". Na súa opinión, mentres a dereita europea frea a ultradereita, neste país alíase con ela. "En España a dereita moderada non existe, ben, si, os baróns do PSOE", apuntou.

Tamén foi moi crítico co Tribunal de Contas por condenar os independentistas ao pago de multas millonarias e non poñer nin unha soa a partidos condenados por corrupción. Segundo considerou, é unha institución "sen supervisión nin sentenza xudicial", gobernada por sete cargos do PP desde hai 20 anos, que absolveu a exalcaldesa de Madrid Ana Botella porque ten "o cuñado traballando alí. Esa é a diferenza con Junqueras".

"Señorías do Goberno, os seguintes son vostedes, ou o paramos ou directamente pásannos por riba", advertiu.

Junts: "De Estado a Estado"

Pola súa banda, a portavoz de Junts, Miriam Nogueras, advertiulle a Sánchez que o diálogo só será posible se se "formaliza o divorcio" entre España e Cataluña, respectando o resultado das urnas.

"Entón si vai empezar unha nova etapa de reconciliación e reencontro, de Estado a Estado e de igual a igual. Os cataláns non reclaman reencontro, votaron independencia, e non imos agardar a que para vostedes, ou os que veñan, o castigo volva ser útil. Esta farsa non se pode aguantar dous anos máis", reprochou.

Para a deputada de Junts, o feito de que o Goberno non retire á Avogacía do Estado do proceso aberto no Tribunal de Contas, é un sinal de que a oferta de diálogo é "un conto". "O mesmo conto que nos imos atopar na mesa de diálogo", engadiu en referencia ao foro entre ambos os dous Executivos que terá lugar en setembro, coa incógnita de cal será a postura de Junts como integrante da coalición do Govern.

Tamén desacreditou a proposta de Sánchez de crear un foro de reencontro entre cataláns, ao lembrar que xa existe o Parlament onde "están todas as sensibilidades".

Para reforzar o seu descrédito á oferta de Sánchez, Nogueras lembrou que o PSOE liderado por el "apertou o botón" do artigo 155 xunto ao entón Goberno de Mariano Rajoy no 2017.

PdeCat: "É difícil falar de concordia"

O PdeCat compartiu que "é difícil falar de concordia" cando Sánchez rexeita o referendo de autodeterminación, segundo o seu portavoz, Ferrán Bel.

"A liberdade é decidir o teu futuro e Cataluña non é libre porque é española. Traten mellor os cataláns, e iso tamén é respectar a súa decisión", aconsellou.

Igualmente rebateu a Sánchez ao amosarse convencido de que unha Cataluña separada sería "máis europea, máis próspera e moito máis plural".