CRTVG

Buscar

Pablo Casado: "Sánchez corrompe a figura do indulto para pagar un prezo político"

Publicado o 01/06/2021 10:08

O presidente do Partido Popular Pablo Casado atacou duramente ao presidente do Goberno Pedro Sánchez por considerar que, ao conceder os posibles indultos aos líderes do procés, está a apostar por "fomentar as fracturas" territoriais e "corrompe" a figura do indulto e o papel institucional da presidencia do Goberno para "pagar un prezo político".

Foi nun almorzo informativo de Europa Press onde fixo estas declaracións. Casado destacou que "chamar concordia a esa escura transación é moito máis que unha trampa da linguaxe e un desprezo á intelixencia e á madureza dos españois" e matizou que é "manipulación grotesca duns valores para poñelos ao servizo dos propósitos máis baixos".

Casado afirmou: "Se os separatistas non abandonan as súas ameazas, estamos abocados a que a historia se repita outra vez e co mesmo resultado".

AdvertIulle a Sánchez que os posibles indultos poderían "causar danos severos". O presidente do PP lembrou que os cataláns votaron masivamente o 6 de decembro de 1978 a favor da Constitución, por riba da media nacional. 

Pablo Casado defendeu, ademais, as manifestacións en contra dos indultos e a súa asistencia canda Vox á protesta do próximo día 13 e rexeitou as críticas do Goberno á chamada "foto de Colón", que cualificou de "globo sonda" e "propaganda" de Moncloa.

Casado dixo que a súa obriga é "estar coa España real", e se iso lles fai compartir espazo con outras formacións "benvido sexa". Asegurou que a protesta do próximo día 13 en Colón, convocada pola plataforma Unión 78, está liderada por catro persoas que sufriron a violencia etarra e dúas, María San Gil e Carlos Urquijo, pertencen ao PP. "Haberá que preguntarse en todo caso se hai outra forza política que se suma ao que o PP fixo sempre", agregou Casado.

Casado di que avisou hai un ano da crise con Marrocos

O presidente do PP chamou a que o Goberno intensifique as relacións con Marrocos e resolva unha crise diplomática da que, asegurou, leva avisando un ano.

O líder da oposición reclamou que o xefe do Executivo Pedro Sánchez teña unha posición "pragmática" co país alauí, logo de que Marrocos vinculase a crise diplomática entre ambos os países coa posición de España respecto ao Sáhara Occidental.

Casado dixo que hai un ano, cando mantivo unha reunión coa embaixadora marroquí en España, xa avisaron do que "estaba a pasar", logo de que o daquela vicepresidente segundo do Goberno Pablo Iglesias recordase que estaba pendente un referendo de autodeterminación no Sáhara.

Noticias web

01/06/2021