CRTVG

Buscar

Casado apoiará o Goberno se presenta un estatuto das electrointensivas que inclúa as alegacións de Galicia, Asturias e Cantabria

Publicado o 05/03/2020 18:20

O PP comprométese a apoiar o Goberno central se este mes presenta un estatuto para a industria electrointensiva que inclúa as alegacións feitas por Galicia, Asturias e Cantabria. Anuncionou Pablo Casado tras reunirse co comité de empresa de Alcoa San Cibrao.

Casado tiña o compromiso de visitar Alcoa desde que recibiu os traballadores na sede nacional do partido en decembro. Asegura o presidente do PP que non vén a San Cibrao a facer campaña, só a mostrarlles o seu apoio aos traballadores e a expresarlles a posición do Partido Popular.

"Durante o mes de marzo, o Goberno ten que levar ao Consello de Ministros ese estatuto vía real decreto ou vía real decreto lei e contará co apoio do PP. Creo que todo o mundo entende por que digo no mes de marzo. Non pode ser que ata o 5 de abril tiremos a pelota cara adiante e despois deixar tirada esta xente. Aquí hai 5.000 familias que poñen moito en xogo e hai un Goberno que ten cumprir a súa palabra", asegura Pablo Casado, presidente do PP.

Casado compromete o apoio a que o Executivo inclúa no estatuto das electrointensivas as alegacións presentadas polos gobernos de distinta cor de Galicia, Asturias e de Cantabria. Os traballadores din que o único que queren é que o Goberno aprobe un marco estable e competitivo.

"Se o principal partido da oposición vai aceptar calquera marco que poñan entre os 35 e 40 euros o megawatt, que está por riba de Europa pero xa nos faría competitivos, o Goberno o único que ten que facer é lexislar este marco. Que o poñan como queiran, o único que pedimos e que fagan o mesmo que fan en Europa o resto de países que é poñer un marco enerxético estable", afirma José Antonio Zan, presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao.

Enganden desde o comité de empresa que se non hai un marco estable e competitivo, o único que queda para Alcoa San Cibrao é o peche.

Noticias web

05/03/2020