CRTVG

Buscar

Casado anuncia que o PP vai presentar unha emenda á totalidade dos presupostos

Publicado o 26/10/2021 10:05
Casado anuncia que o PP vai presentar unha emenda á totalidade dos presupostos

O presidente do PP, Pablo Casado, anunciou que o seu partido vai presentar este martes unha emenda á totalidade dos orzamentos xerais do Estado por ser xa "papel mollado" e "a garantía da ruína de España". Así o manifestou nunha entrevista que lle fixeron na Cope.

Alí afirmou que o PP vai pedir a reprobación da ministra de Dereitos Sociais e Axenda 2030, Ione Belarra, por acusar o Tribunal Supremo de prevaricar pola sentenza contra o exdiputado Alberto Rodríguez.

Tras sinalar que os orzamentos do goberno "nacen mortos" manifestou que van rexistrar unha emenda á totalidade para que os orzamentos sexan directamente devoltos ao Executivo.

"Non merece a pena nin emendalos porque todas as previsións nas que se basean son falsas. Non se poden facer así os orzamentos. Este Goberno fainos sempre ao revés: primeiro ve cantos gastos ten que ter para comprar votos e logo, a marteladas, intenta cadralos ou directamente mentir sobre os ingresos", destacou Casado.

Vox tamén vai emendar os orzamentos

Vox tamén vai rexistrar unha emenda á totalidade ao proxecto de orzamentos xerais do Estado de 2022 por ser as contas "da ruína, segunda edición", xa que é o mesmo termo co que cualificaron os de 2021.

O portavoz de Vox no Congreso, Iván Espinosa de los Monteros, anunciou que as novas contas públicas profundan "no delirio radical do Goberno fronte ás verdadeiras necesidades dos españois".

"Os españois están cansos fronte a todo este aparato, que ven como caen os seus ingresos e aumentan os seus gastos", dixo, tras avisar dos novos incrementos do prezo da luz ao comezo xa do inverno.

Noticias web

26/10/2021