CRTVG

Buscar

Carolina Darias: "Desde o pasado mércores, a incidencia acumulada diminuíu o 16,6 %"

Publicado o 12/05/2021 18:50

O Ministerio de Sanidade notificou 6.416 novos contaxios nas últimas 24 horas e un novo descenso da incidencia acumulada de case 7 puntos, ata 173,7 casos, co que xa só tres comunidades están en situación de risco extremo (máis de 250): Aragón (269), Madrid (277) e País Vasco (371), ao baixar Navarra a 247.

A ministra de Sanidade, Carolina  Darias, manifestou que estes datos demostran que "estamos no camiño adecuado, xa que se mantén o descenso da transmisión", que cifrou nun 16,6 % menos que o pasado mércores, e que por tanto pasou dos 213,9 casos por cada 100.000 habitantes en 14 días aos 173,7 de hoxe.

Pero, advertiu que hai que seguir perseverando para manter o virus baixo control e continuar coa cultura do coidado. Por iso pediu que non se volvan repetir as imaxes das aglomeracións da semana pasada.

Segundo os datos de Sanidade, o descenso da transmisión segue sen reflectirse nas UCI, onde hai unha ocupación do 20,1 % (tres décimas menos) e nos falecementos, con 108 máis notificados nas últimas 24 horas.

Son cinco as comunidades baixo presión extrema nas unidades de coidados intensivos (máis dun 25 % de ocupación): Aragón (30,4 %), Cataluña (30,8 %), Madrid (39,5 %), País Vasco (33 %) e A Rioxa (32 %). Nos hospitais hai 7.696 camas ocupadas por pacientes  covid (6,1 %).

A cifra total de infeccións desde o inicio da pandemia elévase a 3.592.751 e a de mortes a 79.208, das cales 261 foron reportadas no últimos sete días. 

Noticias web

12/05/2021