Carlos Iturgaiz encabezará a lista PP+Cs en Euskadi en substitución de Alfonso Alonso
Ás dez da mañá reúnese o Comité Electoral do Partido Popular para aprobar a candidatura de Carlos Iturgaiz ás eleccións vascas, despois de que a dirección nacional do partido decidira apartar o actual presidente dos populares vascos, Alfonso Alonso, como cabeza de lista. Alonso manifestara o seu descontento con Génova por como se negociara o acordo de coalición con Ciudadanos.
A 41 días das eleccións, Pablo Casado recupera unha figura histórica do PP vasco para pilotar a coalición PP+Cs. Carlos Iturgaiz, que liderara o Partido Popular en Euskadi entre 1996 e 2004, abandonara a política en abril do ano pasado descontento coa decisión da actual dirección de colocalo no posto 17 das listas ao Parlamento Europeo. Génova decide que será el quen substitúa ao actual presidente dos populares vascos, Alfonso Alonso, que fora confirmado como candidato o 10 de febreiro pero que logo manifestara o seu malestar por como se fraguara desde Madrid o acordo de coalición con Ciudadanos. Era o propio Alonso quen informaba á tardiña, a través de Twitter, da decisión que lle acababa de comunicar Casado.
Minutos despois das oito do serán, comparecía o secretario xeral do partido. García Egea aseguraba que a decisión se adoptara de mutuo acordo, pero non explicaba os motivos da substitución, inda que si as razóns polas que recuperan a Iturgaiz, home de confianza de Mayor Oreja e Aznar.
"Carlos Iturgaiz representa o constitucionalismo na súa máxima expresión, representa os valores que moitas persoas buscaron no seu momento e que hoxe volveron encontrar nesa unión entre PP e C's e neste candidato que ten experiencia política, que coñece mellor ca ninguén a súa terra", dicía García Egea.
Pouco despois, Pablo Casado reiteraba en Twitter que Iturgaiz é un referente moral e, engadía, o candidato a lehendakari máis votado da historia do PP. E dáballe grazas a Alfonso Alonso pola súa traxectoria política.
Tamén o propio Iturgaiz, que hoxe será referendado tanto en Madrid coma en Euskadi, manifestaba a través desta rede social a ilusión que lle fai regresar á política con esta encomenda de Casado e aseguraba ser referente en defender a liberdade, a Constitución e España.