CRTVG

Buscar

Carlos Arévalo roza a medalla no K1 200 e xa pensa no gran reto do K4

Publicado o 05/08/2021 07:23
Carlos Arévalo roza a medalla no K1 200 e xa pensa no gran reto do K4

O betanceiro Carlos Arévalo estivo a un suspiro de acadar a medalla olímpica no K1 200. A súa preparación estivo centrada no K4 500 pero nesta proba demostrou ser o mellor padexeiro español e só lle faltaron 0.189 centésimas para lograr o bronce. 

Arévalo compartiu semifinal co seu compañeiro no K4 Saúl Craviotto. Os dous conseguiron meterse na final co 3º e 4º tempo da serie clasificatoria pero Arévalo demostrando ter mellores sensacións que o seu compañeiro e abandeirado olímpico Craviotto. 

Nesa final mandaron polos carreiros centrais o húngaro Totka e o italiano Rizza, especialistas na distancia. Sorprendeu o británico Heath acadando o bronce e Carlos Arévalo marcou un tempo de 35.391 que o deixou no quinto posto final. 

Agora toca pensar no que vai vir o sábado coa proba do K4 500 onde España, cos galegos Arévalo e Germade, parte entre os favoritos para facerse co ouro.