CRTVG

Buscar

Carlo Ancelotti e Ildefonso Falcones entran na lista de morosos de Facenda

Publicado o 28/06/2021 15:18
Carlo Ancelotti e Ildefonso Falcones entran na lista de morosos de Facenda

O adestrador do Real Madrid Carlo Ancelotti e o escritor Ildefonso Falcones entraron na lista de morosos coa Axencia Tributaria ao sumar unha débeda con Facenda de máis dun millón de euros.

A Axencia Tributaria publicou este luns a sétima listaxe de grandes debedores, na que aparecen contribuíntes, persoas ou empresas, cunha débeda superior ao millón de euros a 31 de decembro de 2020.

Entre os nomes coñecidos que se incorporan a esta edición figura, ademais de Ancelotti (cunha débeda de 1,5 millóns) e Falcones (1,3 millóns), José María del Nido Carrasco, vicepresidente do Sevilla F. C. e fillo do expresidente do club José María del Nido (1,7 millóns). Tamén a coñecida como 'estafadora dos VIP', Mónica Gil Manzano, cunha débeda de 1,57 millóns.

Ademais, volven algúns morosos que xa abandonaran a listaxe, como o exvicepresidente do Goberno Rodrigo Rato (cunha débeda de 1,36 millóns) ou o futbolista brasileiro Dani Alves (2,1 millóns).

En cambio, saen da lista o tamén futbolista brasileiro do PSG francés Neymar (que hai un ano era o maior moroso, no apartado de persoa física, cunha débeda de máis de 34 millóns de euros) ou o expiloto de motociclismo Sito Pons. Isto non significa necesariamente que saldasen a súa débeda, senón que lograron situala por baixo do millón de euros ou algún tipo de suspensión ou aprazamento.

Tras a saída de Neymar, o antigo empresario Agapito García volve ser o maior debedor persoa física (debe 15,4 millóns).

Tamén continúan na lista o exbanqueiro Mario Conde, que mantén unha débeda con Facenda de 8,37 millóns, o escritor César Vidal (3,17 millóns), a actriz Paz Vega (3,08 millóns), o exfutbolista arxentino Gabriel Milito (1,8 millóns) ou a presentadora Patricia Conde (1,1 millóns).

Empresas máis debedoras

Polo que respecta ás empresas, as maiores débedas concéntranse en Reyal Urbis (341,12 millóns), Isolux Corsán (329,65millóns) e Nozar (214,88 millóns).

Aparecen por primeira vez Altersana (vinculada ao contrabando de tabaco, cunha débeda de 35,4 millóns, o que a converte na incorporación máis cuantiosa) ou o Club de Fútbol Estremadura (1,3 millóns), mentres que volve Urbas (4,5 millóns).

Ademais, continúan sociedades deportivas como o Club Baloncesto Estudantes (4 millóns), o Real Murcia Club de Fútbol (10 millóns), Hércules (3,1 millóns) ou o Real Xaén Club de Fútbol (1,1 millóns).

Datos da sétima listaxe

O número de grandes morosos baixou este ano un 1,6 % con respecto á anterior listaxe (ata os 3.869) e o importe que deben diminuíu un 1 % (ata os 14.100 millóns).

A maior parte deles son persoas xurídicas (3.557, que deben 13.426 millóns de euros) e o resto, persoas físicas (312, que deben 673 millóns).

Como é habitual, unha parte importante da débeda (7.270 millóns, o 51 % do total) é de debedores en proceso concursal, polo que as posibilidades de cobranza efectiva son limitadas ata que termine o procedemento.

Previsiblemente, a listaxe do vindeiro ano será máis estrita e, polo tanto, máis numerosa, xa que a lei de loita contra a fraude que esta semana aproba o Congreso baixa o limiar dun millón a 600.000 euros.

Noticias web

28/06/2021