Carles Puigdemont regresou a Sardeña para preparar a vista xudicial deste luns
Carles Puigdemont está de volta en Sardeña. Non tivo problemas no aeroporto e pola tarde preparou co seu equipo xurídico a comparecencia deste luns ante o Tribunal de Apelación de Sassari, que deberá decidir se reactiva o procedemento de extradición que reclama o maxistrado do Supremo Pablo Llarena.
A defensa xurídica de Puigdemont sinalaba que non hai ningunha opción para a extradición. Están pendentes de que o Tribunal Xeral da Unión Europea reactive a súa inmunidade como europarlamentario e, nese caso, consideran que o expresident podería viaxar a España sen ser detido.
O ministro de Interior, Grande-Marlaska, que este domingo participaba nun acto da Garda Civil, eludiu facer prognósticos sobre o que sucederá no tribunal sardo: "Non me gusta facer ningún tipo de prognóstico. O importante é que confiemos nos distintos poderes e, neste caso, no poder xudicial, o poder xudicial italiano, que é un poder xudicial europeo. Aí está a orde xudicial europea, ou sexa que o que decidan os xuíces italianos será o correcto".
Consignas de apoio a Puigdemont puideron escoitarse este domingo en Barcelona na manifestación convocada pola Asemblea Nacional de Cataluña. Ese non era o seu obxectivo central, senón lembrar a folga xeral do 3 de outubro de hai catro anos, tras o referendo de independencia. Pero Puigdemont tamén foi protagonista e os manifestantes berraron a coro que seguía a ser o seu presidente.