CRTVG

Buscar

Cardiólogos de Galicia e Cataluña colaboran na busca de marcadores biolóxicos que preveñan o choque cardioxénico

Publicado o 19/02/2020 14:55

O choque cardioxénico é unha das complicacións máis graves que poden xurdir tras un infarto agudo de miocardio. O corazón non é quen de bombear o sangue axeitadamente aos órganos e nese caso a mortaldade supera o 60%. A existencia de unidades específicas de coidados coronarios reduce notablemente esa porcentaxe.

Así o confirma José María García Acuña, responsable da Unidade Coronaria do CHUS, que cuantifica nun 40 por cento a proporción de mortaldade no hospital compostelán.

A abordaxe do choque cardioxénico mellorou nos últimos anos grazas á utilización de dispositivos externos de asistencia circulatoria, que substitúen temporalmente o traballo do corazón do doente. Pero sen dúbida o reto é anticiparse ao choque e para iso é fundamental a colaboración entre centros.

Albert Ariza, cardiólogo do Hospital Universitario de Bellvitge, en Barcelona, estivo hoxe en Compostela para poñer en común os últimos datos neste ámbito, e explicou que "hai poucas unidades deste tipo en España, por iso é fundamental a colaboración entre centros".

Nese sentido, avanzou que os cardiólogos de Santiago e do hospital barcelonés investigan conxuntamente na busca de marcadores biolóxicos que permitan anticiparse ao diagnóstico do choque cardioxénico.

Co traballo en común xa iniciado, agora buscan financiamento para acelerar resultados que permitan salvar vidas grazas a ese diagnóstico temperán.

Noticias web

19/02/2020