Carballo galego para whisky irlandés
Unha das mellores destilerías do mundo, a irlandesa Jameson, emprega carballo galego para criar o seu whisky. A madeira obtense de xeito sostible nos nosos montes e adquire un alto valor económico en forma de barrica. Un exemplo de colaboración entre galegos e gaélicos.
O whisky é un valor en alza en que están a investir as grandes fortunas. E parte do segredo está na madeira en que envellece. Hai anos que a destilería Jameson usa carballos galegos para as súas barricas, e non o cambian por outro.
Adriana Conde, investigadora da Escola Politécnica de Lugo: "Achégalles unhas sensacións en boca, uns olores e uns sabores únicos, que non logran con carballos doutras procedencias como os americanos ou os franceses".
Coa colaboración da USC están a promover a tonelería como un modelo de xestión sostible da madeira do país. Unha corta selectiva na que só apean exemplares de fuste recto e máis de 80 anos en masas de rebrote natural.
Adriana Conde, investigadora da Escola Politécnica de Lugo: "Non se fan cortas a eito, escóllense antes de cortar e só se apean os que valen para ese uso. Por iso, a estrutura da masa non se ve afectada".
A madeira sérrase en Baralla e envíase a Andalucía. Alí faise a barrica e énchese un tempo con viño de Xerez. Despois viaxa a Irlanda para criar durante anos un dos máis prestixiosos whiskys do mundo.