CRTVG

Buscar

Aumentan ata 31 os concellos que terán restricións dende este venres

Publicado o 13/04/2021 21:46

• Carballeda de Valdeorras, O Grove e A Pobra do Caramiñal seguirán en nivel máximo de restricións

O comité clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia provocada pola covid−19 acordou manter o nivel máximo de restricións nos concellos de Carballeda de Valdeorras, A Pobra do Caramiñal e O Grove.

Ademais, a asemblea de expertos determinou o establecemento do nivel alto de restricións en dez concellos galegos: Monterrei, Cortegada, Padrenda, O Barco de Valdeorras, Rubiá, Barreiros, Carral, Boimorto, Boiro e A Illa de Arousa.

Así mesmo, quedarán no nivel medio de restricións os municipios do Irixo, Trabada, Meira, A Pobra do Brollón, Muxía, Cambre, Ortigueira, Ribeira, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior, Vilanova de Arousa, As Neves, Gondomar, Vilaboa, Marín e Meaño.

No resto dos concellos galegos, estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo.

Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do vindeiro venres, 16 de abril.

 

Na comunidade autónoma galega son catro os niveis. O máximo é o máis severo, pois implica peche perimetral e o peche da hostalería, salvo para recollida. No nivel baixo, medio e alto, hai características comúns, pois a mobilidade está permitida entre todos os concellos destes niveis e a hostalería ten o tope de peche ás nove da noite. As capacidades si varían, pois no alto só poden operar as terrazas e ao cincuenta por cento, no medio permítese o 30 % en interior e o 50 % en exterior e no baixo o 50 % en interior e o 75 % en exterior.

Noticias web

13/04/2021