CRTVG

Buscar

Carballeda de Valdeorras incorpórase ao nivel máximo de restricións

Publicado o 09/04/2021 14:35

O subcomité clínico que asesora a Xunta de Galicia na xestión da pandemia acaba de acordar a incorporación do concello de Carballeda de Valdeorras á listaxe de concellos con nivel máximo de restricións (1), xunto cos municipios da Pobra do Caramiñal e O Grove.

Ademais, determina o establecemento do nivel alto (2) en oito concellos galegos: Boiro, Barreiros, Pobra do Brollón, Monterrei, A Illa, Boimorto, O Irixo e Carral.

No nivel medio (3) quedan os municipios de Rábade, Ribadumia, Soutomaior, Vilaboa, Vilanova, As Neves, Noia, Sanxenxo, Meis, Baiona, Gondomar, Carballiño, Cortegada e Padrenda.

No resto dos concellos galegos estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo (4).

Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do vindeiro luns, 12 de abril.

Continúan os cribados masivos

Segundo informa a Consellería de Sanidade nun comunicado, estanse a intensificar os cribados poboacionais á procura de novos casos positivos. Entre o pasado día 6 e o vindeiro 19 de abril, as autoridades agardan ter convocadas máis de 35.000 persoas para realizar probas diagnósticas.

Datos de vacinación

Na xornada deste xoves, o Sergas administrou un total de 33.229 doses de vacinas contra a covid-19. En concreto, inmunizou 31.882 persoas coa fórmula de Pfizer e 1.347 coa de Astrazeneca.

No caso do soro británico administráronse 1.264 unidades en grandes recintos (Ferrol e Cee) e 83 noutros puntos. A porcentaxe global de adherencia á vacina de AstraZeneca na comunidade galega é do 77,43 %.

Citacións na fin de semana

A Xunta continúa a acelerar o ritmo de vacinación en Galicia, ao convocar preto de 52.000 persoas para vacinárense esta fin de semana.

Nas xornadas do sábado e do domingo, administraranse unhas 27.000 doses de Pfizer a maiores de 80 anos ou con idades comprendidas entre os 75 e os 79. 

Ademais, inocularanse outras 25.000 unidades de AstraZeneca entre o colectivo de 60 a 65 anos.