CRTVG

Buscar

Capturan unha corvina americana en Porto do Son, considerada como especie invasora

Publicado o 11/01/2021 13:41

Rogelio Santos, un pescador con 25 anos de experiencia no mar, colleu días atrás un peixe novo na ría de Muros-Noia. Concretamente, na zona do Castro de Baroña, onde andaban ao choco e á centola.

"Nun primeiro momento, a min pareceume unha corvina das de aquí, de toda a vida. Pero chamoume a atención que tiña unha pintas negras no lombo. Así que fíxenlle unha foto, como fago con todas as capturas que me chaman a atención, para colgar nas redes sociais e para ter unha constancia das pescas. E un compañeiro meu do Grove informoume de que era unha corvina americana, unha especie invasora", di Rogelio.

O seguinte paso foi informar do achado as institucións de investigacións mariñas con sede na Coruña e Vigo.

"Ambos contestaron axiña e dixéronme, despois de revisar as fotografías, que se trataba dunha corvina americana. Unha especie invasora e pode ser que as houbese antes na nosa zona e que algún barco puidese coller algunha, pero notificala, deixar constancia cunha foto ou unha imaxe dela, ata agora non había ningunha".

Rogelio tamén dá testemuño de que a corvina americana en cuestión é, no prato, moi parecida ao sargo.

"Pesaba un quilo, máis ou menos. Si, é saborosa. De feito é unha especie comercial e comestible, estiven informándome ao respecto, cunha textura similar á das corvinas de aquí, cunha cor e sabor como pode ser o sargo ou a robaliza".

Esas dúas especies poderían correr perigo ante a invasión da voraz corvina americana. Iso suporía un desequilibrio na vida mariña da ría e, como lembra Rogelio, xa vemos o que están a suceder con invasoras como as vespas velutinas.

Noticias web

11/01/2021