CRTVG

Buscar

As diferentes restricións nas comunidades baten coa resposta dos xulgados

Publicado o 21/07/2021 09:15

Desigual endurecemento de restricións en España e desigual resposta xudicial. O toque de recollida está vixente en Cataluña, Valencia e Cantabria, pero acaban de denegarllo a Navarra, que vai volver pedilo. Andalucía tamén o proporá para os municipios con máis casos.

Castela e León pide aos seus cidadáns que se autoconfinen, que apliquen o toque de recollida de xeito voluntario, ante o aumento dos contaxios nesta quinta vaga en que as autoridades da rexión fan autocrítica.

"Cada vez que se achegaba un período vacacional pasounos exactamente o mesmo, que a xente nos mira e di, vostedes son idiotas, si, teño que admitilo", di Francisco Igea, presidente castelán leonés.

Agora é Andalucía a comunidade que pedirá o toque de recollida para os seus municipios con maior incidencia, de dúas a sete da mañá. "Vimos que esa é unha medida que foi moi efectiva ao principio da pandemia. Temos que pedirlle ao TSXA que ratifique as medidas", asegura Jesús Aguirre, conselleiro de saúde andaluz.

Pero a Navarra o seu tribunal superior rexeitoullo, argumentando falta de concreción. Di o auto que había que identificar os municipios afectados, dar datos concretos e achegar informes policiais. O goberno de Chivite volverá pedilo. "Nos municipios que estean en risco estremo o toque de recollida, que ten que ser avalado polos tribunais. Presentaremos os informes de saúde pública, policiais...", anuncia a presidenta navarra.

Outro revés xudicial lévao a administración balear polo confinamento dos mozos en viaxe de fin de curso en Mallorca, que foi anulado. Agora, a persoa que o decretou, a directora xeral de saúde pública, está investigada por detención ilegal. A nai dun dos estudantes illados denuciouna e María Antonia Font terá que declarar o 7 de setembro.

Coas cousas así, Euskadi pediu de novo ao goberno un marco estatal para poder aplicar medidas, que se entendeu como a solicitude, de novo, do estado de alarma. O lehendakari aposta tamén polo toque de recollida.  "Vimos un ano e medio con todo tipo de avatares na cobertura legal para as medidas efectivas, necesarias e urxentes", di Iñigo Urkullu.

E tras a sentenza do constitucional que tumbou o primeiro estado de alarma, xa se anulou a primeira multa en Madrid. Eran 601 euros. Puxéralla a policía local da capital a unha menor de idade que atoparon nun parque sen respectar o confinamento.

Noticias web

21/07/2021