Canto acertaron ou fallaron as enquisas do CIS nas últimas catro eleccións xerais?

O CIS acaba de publicar a última enquisa para as eleccións xerais do 10-N, realizada antes de que se coñecese a sentenza do 'procés', e que destaca por darlle ao PSOE unha estimación de voto e escanos moi diferente á que lle atribúen as últimas sondaxes elaboradas para diferentes medios de comunicación. Pero ata que punto acerta ou se equivoca o CIS? Verificámolo coas catro últimas eleccións xerais.
• Eleccións 28 de abril de 2019
A enquisa preelectoral do CIS para as eleccións do 28-A sobreestimou o PSOE en 1,5 puntos, e o Partido Popular un 0,5. Pola contra, quedou curto á hora de prognosticar os resultados de Unidas Podemos e, sobre todo, de Ciudadanos.
Se analizamos a proxección de escanos, vemos que o CIS acertou, aínda que pola mínima, con PSOE e PP, pero infravalorou a Ciudadanos e Unidas Podemos e sobrevalorou a Vox. Foi a primeira sondaxe para unhas xerais que elaborou o actual director do CIS, José Félix Tezanos, un nomeamento moi criticado polos partidos da oposición posto que ata que accedeu ao cargo foi membro da Executiva do PSOE. Foron tamén as primeiras eleccións xerais para o actual líder do PP, Pablo Casado.
• Eleccións 26 de xuño de 2016
Que pasou nas anteriores eleccións xerais? Nesta ocasión o CIS infravalorou sobre todo o PP de Rajoy, que gañou con máis contundencia do que prognosticaba a enquisa. Co PSOE tamén o CIS quedou curto. Pola contra, as urnas concedéronlle a Unidas Podemos e a Ciudadanos menos votos que os que aventuraba o CIS. Aquelas eleccións foron unha repetición das de 2015, ao non lograr ningún candidato a investidura do Congreso.
Naquela ocasión, o CIS só acertou na atribución de escanos, e pola mínima, con Unidas Podemos.
• Eleccións 20 de decembro de 2015
As anteriores eleccións, o CIS cravou o resultado do PP e case o fai tamén co PSOE. Pola contra, enganouse con Ciudadanos e Podemos.
En atribución de escanos, aquela enquisa de entre os catro grandes só acertou co PP. Infravalorou o PSOE e Podemos e sobrevalorou a Ciudadanos. O PP obtivo daquela 123 escanos, os mesmos 123 que logrou Pedro Sánchez nas eleccións de abril de 2019.
• Eleccións 20 de novembro de 2011
A irrupción de novos partidos abofé que fixeron máis difíciles os prognósticos do CIS. Con só dous partidos hexemónicos, PP e PSOE, o CIS aventurou sen equivocarse a que de momento é a última maioría absoluta que se puido formar no Congreso dos Deputados.
Iso si, o prognóstico que fixera era unha maioría máis avultada para o PP do que realmente foi. Co PSOE acertou pola mínima.
Eran tempos en que o terceiro partido máis votado (neste caso, IU) non chegaba ao 7% dos sufraxios.