Cansos dos ocupantes ilegais en pleno centro de Vigo
A ocupación ilegal está xerando moitos problemas de limpeza e inseguridade aos veciños da Gran Vía, en pleno centro de Vigo. Levan meses pedindo o desaloxo destas persoas porque a convivencia xa é insostible.
O edificio leva dez anos abandonado e dende febreiro estes pisos foron ocupados por persoas sen fogar. A situación complicouse durante o confinamento e agora a convivencia entre veciños e ocupantes ilegais é insostible.
Comportamentos incívicos que non están dispostos a tolerar e que moitas veces rematan coa visita dos bombeiros e da policía por pór en perigo as vivendas dos edificios lindeiros desta pequena rúa.
E xunto a ese medo está o desleixo da propietaria do inmoble e a promotora á que denunciaron por abandono por mor das filtracións de auga que xa afectan as súas vivendas. A xustiza deulles a razón, pero a sentenza non se executou. A este litixio xudicial únese agora o da ocupación ilegal. Piden a implicación do Concello.
Un problema en pleno centro da cidade que se agrava co paso do tempo. Veciños e veciñas séntense impotentes ante unha situación que dura xa moitos meses.