Candidatos veteranos e caras novas aspiran nestes comicios á presidencia da Xunta
Nestes comicios os galegos podemos elixir entre unha representación de forzas ampla. Entre os líderes dos sete partidos con máis opcións hai candidatos veteranos e outros que se estrean nesta carreira cara á presidencia da Xunta. Estes son os aspirantes principais.
Alberto Núñez Feijóo busca a súa cuarta maioría absoluta. O candidato popular á reelección naceu nos Peares no ano 61, é licenciado en Dereito e desenvolveu a súa carreira profesional na función pública. Foi conselleiro de Política Territorial e vicepresidente da Xunta, e accedeu á presidencia en 2009.
A que foi a segunda forza nesta lexislatura, En Marea, fragmentouse polas divisións internas ata case desaparecer, pero en xuño decidiron presentarse a estes comicios como Marea Galeguista. O seu candidato é Pancho Casal, enxeñeiro industrial e produtor cinematográfico, que rompeu con Podemos dous anos despois de ser elixido deputado autonómico.
Tamén se estrea como candidato polo PSdeG Gonzalo Caballero. Naceu en Ponteareas hai 45 anos, é doutor en Economía e profesor na Universidade de Vigo. Foi concelleiro durante dous anos na corporación que preside o seu tío, Abel Caballero, e dende 2017 lidera os socialistas galegos.
Para Ana Pontón esta é a segunda carreira á presidencia da Xunta. Sarriá do 77, é licenciada en Políticas, e foi elixida voceira nacional do BNG en 2016.
Antón Gómez-Reino gañou en 2018 as primarias de Podemos Galicia, pero a estas eleccións concorre baixo a marca Galicia en Común, que integra tamén Anova e as Mareas cidadás.
Ciudadanos concorre a estes comicios con Beatriz Pino para intentar obter representación no Parlamento galego. Licenciada en Xornalismo, Pino foi deputada no Congreso por Pontevedra na breve décimo terceira lexislatura.
Vox non presenta candidato á presidencia da Xunta, senón unha candidatura coral cun líder por provincia, coa aspiración de estrearse no pazo do Hórreo.