CRTVG

Buscar

As Canarias, segunda comunidade en prohibir fumar en espazos públicos

Publicado o 13/08/2020 13:16
As Canarias, segunda comunidade en prohibir fumar en espazos públicos

As Canarias seguen a Galicia nas restricións ao tabaco en espazos abertos onde non se pode garantir a distancia de seguridade. Tamén impón a obrigatoriedade da máscara en todo o momento, tras o aumento recente de casos na comunidade.

O certo é que cada vez son máis as comunidades autónomas que estudan a posibiidade de limitar o tabaco nas rúas para frear a covid. Madrid, Andalucía, Castela-A Mancha, Castela e León, Comunidade Valenciana, Asturias, Cantabria e Navarra tamén están avaliando se emular a medida adoptada onte pola Xunta.

De feito, o conselleiro de Xustiza e Interior da Comunidade de Madrid, Enrique López, dixo este xoves que a medida adoptada pola Xunta de Galicia de vetar o tabaco na vía pública debería adoptarse a nivel nacional tras discutirse entre o Goberno e as comunidades autónomas na Comisión Interterritorial de Saúde Pública.

 

O fume, un problema múltiple

Como explicaba o pneumólogo do Hospital Clínico de Santiago Carlos Rábade no Bos días, "o fume do tabaco pode ser un excelente medio para transportar as partículas do virus". De feito, a Sociedade Española de Epidemioloxía (SEE) xa solicitara hai un mes que todas as terrazas de bares e restaurantes, praias, espectáculos ao aire libre e coches fosen espazos sen fume.

Argumentan que, ademais do posible risco existente no fume -que podería conter partículas con carga vírica, aínda que non hai sólidas evidencias disto polo momento-, o tabaquismo produce un efecto negativo nos pacientes afectados pola covid-19, que poden desenvolver síntomas máis graves.

As problemáticas devidas do consumo de tabaco empeoran a función pulmonar, o que dificulta a loita da persoa contra a enfermidade. Ademais, o tabaco é causante de enfermidades non transmisibles -enfermidades cardiovasculares, cancro e diabetes, por exemplo- que provocan un maior risco a quen as padece de desenvolver síntomas graves.

Como indicaba a propia OMS en maio, "os datos de investigación dispoñibles ata a data parecen indicar que os fumadores teñen un maior risco de desenvolver síntomas graves e de falecer por mor da covid-19".

 

Apoio das organizacións médicas e de consumidores

Dados estes dous aspectos, explica Rábade, moitos colectivos e organizacións médicas e de consumidores levan tempo pedindo prohibir fumar en espazos públicos ás autoridades. FACUA, Nofumadores, a Organización Médica Colexial ou a Sociedade Española de Epidemioloxía, entre outras, demandan restricións ao tabaco para frear a propagación do virus, a colación da prohibición anunciada en Galicia.

A presidenta de Nofumadores.org, Raquel Fernández Megina, valorou a prohibición de fumar nas rúas que está en vigor no país e estima que "é unha medida que debería adoptarse xa en toda España, polo menos durante a pandemia, e que nos ofrecería a protección legal para defendernos do fume".

A asociación Nofumadores.org recolleu polo momento en Internet o apoio de máis de 81.000 persoas que piden acabar co fume nas terrazas de hostalería e demandan que a orde da Xunta de Galicia que prohibe fumar nas rúas se estenda a todo o estado español.