CRTVG

Buscar

O Canadá libera a directora financeira de Huawei tras un acordo cos EUA

Publicado o 25/09/2021 09:06
O Canadá libera a directora financeira de Huawei tras un acordo cos EUA

A directora financeira de Huawei, Meng Wanzhou, expresou o seu agradecemento "á China e ao pobo chinés" despois de que o Canadá a puxera en liberdade como parte dun acordo coas autoridades estadounidenses para suspender o proceso xudicial por fraude contra ela e a tecnolóxica chinesa. A executiva fora arrestada nese país o 1 de decembro de 2018 a pedimento dos EUA, que pedían a súa extradición. 

Meng atópase agora, segundo a televisión estatal CGTN, nun voo chárter fretado polo Goberno chinés que podería aterrar na tarde local deste sábado na cidade meridional de Shenzhen, sede da compañía.

Meng expresou desde o voo o seu "agradecemento" á China e ao pobo chinés pola súa "axuda e apoio" para volver á casa, recolle a cadea na súa páxina web. "Sen unha nai patria forte, non estaría hoxe en liberdade", dixo.

A súa posta en liberdade coincide co anuncio, por parte do primeiro ministro canadense, Justin Trudeau, da liberación de Michael Spavor e Michael Kovrig, os dous canadenses detidos na China desde decembro de 2018 en aparente represalia polo arresto de Meng.

Ata o momento, a China non se pronunciou sobre esta liberación, e tan só o portavoz do Ministerio de Exteriores Zhao Lijian se referiu escuetamente, a través da rede social Sina Weibo, á posta en liberdade de Meng para darlle a "benvida" á casa.

Medios chineses como o diario Global Times celebraron igualmente a posta en liberdade de Meng, pero tampouco se pronunciaron sobre a liberación dos dous canadenses detidos no país anunciada por Trudeau. Pequín sempre negou que as detencións destes dous cidadáns tivesen relación ningunha co caso Meng.