Camuflaba unha cámara nunha caixa de zapatos para fotografar mulleres en topless na praia de Patos
A Policía Local de Nigrán requisoulle a un home duns 50 anos unha cámara fotográfica camuflada dentro dunha caixa de zapatos. Con ela fotografaba e gravaba mulleres que estaban en topless na praia de Patos sen o seu consentimento. Tres delas xa denunciaron os feitos.
Con esta cámara agochada nunha caixa de zapatos o home realizaba as fotos e as gravacións nas que só aparecían mulleres en topless.
Tras recibir a alerta dun bañista, os axentes que se presentaron no lugar requisáronlle a cámara e o material que contiña. Ademais, quitáronlle outra cámara no maleteiro do seu coche.
Este contido xa está na comandancia da Garda Civil, que iniciará unha investigación. O destino final destas imaxes determinará se estamos ante unha infracción administrativa ou ante un delito penal.